Home / Actualidad / Ana Pontón: «Dá mágoa ver a incapacidade do goberno de Ferrol para que haxa ruptura co PP»

Ana Pontón: «Dá mágoa ver a incapacidade do goberno de Ferrol para que haxa ruptura co PP»

Ana Pontón, portavoz nacional del BNG, entre los alcaldes de San Sadurniño, Secundino García Casal, y Moeche, Beatriz Bascoy (foto: Mero Barral / 13fotos para Ferrol360)

Ana Pontón, voceira nacional do BNG, entre os alcaldes de San Sadurniño, Secundino García Casal, e Moeche, Beatriz Bascoy, nunha imaxe de arquivo (foto: Mero Barral / 13fotos para Ferrol360)

RAÚL SALGADO | Ferrol | Xoves 16 novembro 2017 | 22:10

Non foi un día especialmente intenso. Sempre cun sorriso, chega Ana Pontón ao antigo Hospicio. Presenta no corazón de Ferrol as «Bases democráticas para unha nova Galiza»; pouco antes, fala con Ferrol360. Da actualidade local e dende o enfoque galego e estatal.

«Ferrol é unha cidade que leva anos con bastantes convulsións dende o punto de vista político; nos últimos tempos, esa situación de convulsión se ten agudizado moito máis», afirma a voceira nacional do BNG. Admite que «preocupa ver unha cidade que dá sensación de parálise».

Porén, tamén sinte «mágoa» por «ver a incapacidade do goberno» local de Ferrol «para que haxa ruptura coas políticas do PP». Nesa realidade, valora «o traballo do grupo municipal», liderado por Iván Rivas, por estimar que é «coherente coa nosa alternativa». Deseña, ao seu xuízo, unha «oposición construtiva, pero firme; estamos para cambiar as cousas».

Mugardos

Se as «políticas seguen sendo as mesmas» e «constitúen fraude, co BNG que non conten», afirma Pontón. Tamén hai movemento en Mugardos, onde a súa formación anunciou este martes que deixaba o executivo municipal, con Esquerda Unida á fronte e no que tamén está Iniciativa Cidadá de Mugardos.

«Lamentamos a actitude autoritaria que está demostrando a alcaldesa de Mugardos», opina a dirixente nacionalista, que fala de «falta de cultura democrática». Para a voceira da formación, «se hai un pacto, hai diferentes forzas que teñen que ter o seu espazo; hai que respectar o traballo e os acordos aos que tiñamos chegado».

Confesa que é unha «decisión complexa, pero a única responsable» que podían adoptar. Porque, engade, «cando se actúa dunha maneira autoritaria e sen respecto a outra forza, o responsable é o que acabamos de facer». O BNG mugardés, sinala, continuará «traballando de maneira construtiva, fortalecendo un proxecto que pode dar futuro a esa vila».

Solucións

Ana Pontón aporta detalles sobre as «Bases democráticas para unha nova Galiza». Indica que inclúen solucións concretas aos problemas de Ferrolterra, partindo do feito de que hai que «cambiar o centro de gravidade de quen toma as decisións» para que non as «siga tomando un Estado para o que somos a última carta da baralla».

O BNG pretende «planificar a economía; unha Facenda propia permitiría adicar máis a educación ou crear emprego». Non deixa á marxe que é «importante o que pasa en Catalunya, está en xogo a democracia, pero o problema fundamental é a dependencia de Galiza; cada vez se está deteriorando máis, ten capacidade para ser un país onde a xente viva con boa calidade de vida».

«Sempre acabamos sendo moeda de cambio ou non contamos; hai un debate que leva atravesando a política estatal os últimos 100 anos, a existencia de nacións», declara. A situación catalá, para a máxima responsable da fronte, «non deixa de ser un momento idóneo» para reiterar a «reclamación dun marco político diferente» dende as «nacións sen Estado».

Autodeterminación

Insiste Pontón no «dereito de autodeterminación», como tamén en rachar «con esa idea de España una y grande que parece que segue sendo a idea da dereita e mesmo da esquerda española». Eses dous bandos, opina, «van da man» para manter un sistema «funcional só para as grandes elites».

Denuncia unha «escalada antidemocrática e mesmo un rearme do fascismo, da extrema dereita». É «preocupante», asegura; un contexto ante o cal outras forzas «manteñen equidistancia». Apunta a Podemos e, de xeito «máis brutal», a Izquierda Unida: «É descorazonador ver que aqueles que viñan a cambialo todo, polo seu entreguismo, acaban do mesmo lado que PP e PSOE».

Eses partidos, di a continuación, amósanse «incapaces» fronte a unha «involución democrática tan forte». Tempos, para a representante do BNG, de «defensa da democracia». Sen ir máis alá dos Ancares, considera que na recente «vaga de lumes estamos vendo como un modelo que ten que ver co franquismo» deixa a súa pegada.

Monocultivo

Fala do «monocultivo de eucalipto e piñeiro», variedades «introducidas nos 60 e 70 nun deseño alleo ao país» e de «consecuencias dramáticas». Apunta a un «abandono deliberado e inducido do medio rural; ese modelo sae moi caro, a eucaliptización só serve para facer negocio e é unha ruína para o país».

Por iso, demanda «competencias plenas para outro modelo no noso medio rural, o deseño da Unión Europea non é de promocionar a capacidade produtiva». «Precisamos competencias plenas en materia de seguridade», matiza Pontón, que lembra que o Estatuto de Autonomía «prevía unha Policía galega; se precisa ter todos os elementos para unha situación de emerxencia».

En épocas de «política de mando único, falouse moi pouco sobre o papel de Garda Civil e Policía Nacional». Nos lumes de outubro, sinala, «vimos a persoas atrapadas sen que houbera ningunha autoridade para facer fronte» e houbo «erros na actuación policial» que serven para poñer «o foco sobre ter ferramentas cun corpo de Policía propio».

Discriminación en Ferrol

«Ferrol é unha metáfora da discriminación do Estado con Galiza», relata tamén Pontón, que debuxa á cidade como «paradigma de como non ter peso político acaba sendo un lastre». E iso que «Galiza é o territorio que máis padeceu o concepto centralista do Estado». Na urbe naval, declara, «cada vez vive menos xente; é a máis envellecida de todas as cidades galegas».

A súa realidade aínda que Lugo e Ourense poderían ter «unha posición peor» nas estimacións da poboación por estar en «zonas deprimidas». Algo «revelador; o Estado sempre deu as costas ao naval, ao saneamento da ría ou ao ferrocarril». Propón «confiar no país, ter poder político para cambiar a realidade; un modelo de desenvolvemento económico».

Con todo, a súa suxestión pasa por «facer», non por «estar pedindo». Dende eses aspectos nace un documento «político; queremos facer unha reflexión, este Estatuto e esta Constitución son corsés para os nosos dereitos». Mensaxe de despedida: cómpre un «debate coa sociedade» para «desenvolver todo o potencial; superar un marco esgotado».

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*