REBECA COLLADO | Ferrol | Luns 8 febreiro 2016 | 17:31
Unha representación das Marchas da Dignidade de Ferrolterra entregaron este luns no Rexistro do Concello de Ferrol un escrito no que demandan a posta en marcha dun plan comarcal de choque contra o paro e de creación de emprego. Un documento que están a entregar nos distintos Concellos da comarca.
Ignacio Martínez, voceiro da entidade no acto, reclamou que sexan os Concellos os que realicen unha contratación directa «para paliar o problema de desemprego que hai nesta comarca». Unhas contratacións que deberían estar ligadas ao medio ambiente e á recuperación da cidade, no caso de Ferrol, salientou Martínez.
Desde as Marchas denuncian que os plans de emprego que se están levando a cabo «non solucionan o problema do desemprego» e engaden que «hai moitas empresas que recibiron axudas públicas e pecharon ou despediron ós traballadores», en alusión ao Plan Ferrol.
Confían desde o movemento que os cambios políticos nas corporacións serán positivos para as súas demandas, iso si «non hai que poñer desculpas e poñerse mans á obra», reclamou Martínez. Así, avanzou que van presionar aos Concellos para que se marquen o problema do desemprego coma unha prioridade, «algo a solucionar e a tratar», concluíu.
Asimesmo, no escrito piden manter unha entrevista cos distintos gobernos municipais para coñecer as súas propostas en materia de emprego.
Durante a presentación do escrito lembraron que en marzo de 2015 entregaron tamén nos Rexistros da Xunta de Galicia e do Concello de Ferrol 1.325 sinaturas en demanda dun plan de choque contra o paro, no que urxían a contratación das persoas en difícil situación e unha renda básica para aquelas persoas que non perciben ningún ingreso.
Debate sobre el post