CIG-Saúde Ferrol | De quen vés sendo? | Sábado 18 xuño 2016 | 14:08
Estimado alcalde:
Nun tempo de crise como o actual, a resposta das administracións debera ir dirixida a cubrir as necesidades das persoas. Consideramos que a atención da saúde é unha delas e que eliminar atrancos no acceso ós coidados necesarios para a curación ou o mantemento da mesma sería outra.
Con estas premisas poñemos no seu coñecemento a nosa incomprensión pola retirada de varios dos servizos da compañía de transporte urbano nas horas de maior necesidade, tanto para os pacientes como para os profesionais.
Isto obriga a uns e a outros a superar os atrancos con máis cartos: os derivados do uso particular dun coche e dun dos aparcadoiros máis caros da comarca. E iso non fai máis que agravarse no caso das doenzas máis graves ou das persoas de máis idade, moitas veces con dificultades para moverse ou que necesitan da axuda de terceiros. Precisamente no grupo no que é máis frecuente a escaseza económica.
Xa non falamos de impacto ambiental. Xa non falamos dun maior uso de medios públicos de transporte, nin da desconxestión subseguinte do tráfico. Falamos de eliminar atrancos no acceso das persoas ó sistema público de saúde, de non incrementar con barreiras -mesmo económicas- o malestar que poden sufrir pacientes e familiares.
Para iso, señor alcalde, solicitámoslle a reposición dos autobuses urbanos nas horas de maior necesidade, mesmo incrementándoos se é posible, e o incremento do número de prazas de aparcamento público habilitando para o mesmo os espazos que son propiedade do Concello.
Así como a prolongación do servizo de autobuses ata o Hospital Naval e Novoa Santos, evitando que os pacientes peregrinen dende a parada de buses ata os mesmos, faga frío ou calor, teñan problemas de deambulación ou non.