FERROL360 | Luns 25 xaneiro 2016 | 11:00
As concelleiras de Participación Cidadá e Igualdade, Catalina García e Teresa Sabio, reuníronse a pasada semana con dez entidades locais para avanzar nas actividades conmemorativas de Igualdade que se desenvolverán no mes de marzo e tamén para continuar traballando no expediente de constitución do Consello Sectorial de Igualdade.
Nesta nova sesión de traballo, a cuarta do Consello Sectorial de Igualdade, participaron representantes das AVV Os Irmandiños do Val e Virxe de Fátima, de Freixeiro; Patronato Concepción Arenal; Acadar; Cogami; Asociación de Comercio de Narón; ASCM; Asociación de Mulleres Rurais San Clemente; Fundación Terra de Trasancos, do Val e Bbtta, ademais dunha integrante da Escola de Participación Cidadá.
Teresa Sabio animou aos representantes das entidades a enviar as súas propostas para a programación especial que ten preparada o Concello no mes de marzo en materia de Igualdade. Para así, «coordinar datas e proceder a difundilas entre a veciñanza de cara á súa posible participación nas mesmas», indicou a edil.
Unha vez a programación estea pechada e os espazos e horarios estean concretados se remitirá ás entidades desde a Escola de Participación Cidadá.
Consello Sectorial de Igualdade
Pola súa banda, a edil de Participación Cidadá incidiu no procedemento aberto para constituír formalmente o Consello Sectorial de Igualdade. Neste senso, García fixo ficapé na necesidade de que cada entidade notifique ao Concello, por escrito e a través do Rexistro, un titular e un suplente para formar parte do mesmo.
Neste punto, a edil subliñou a importancia de contar cun Rexistro Municipal de Entidades actualizado e solicitou ás entidades que notifiquen ao Concello as modificacións que realicen na xunta directiva.
«Se os datos non están ao día procederase a dalas de baixa» dese rexistro e «perderán todos os dereitos contemplados á hora de concesión de subvencións e convenios, uso de equipamentos e outras posibles axudas», subliñou García.
O vindeiro 18 de febreiro se prevé celebrar unha nova xuntanza no Centro Cívico do Alto para continuar avanzando na programación.
Debate sobre el post