MARCOS ABALDE | ‘Ferrol Rebelde’ | Venres 18 marzo 2016 | 9:45
Esteiro é o barrio obreiro máis antigo de Galiza. Foi construído en 1750, antes que o propio barrio da Magdalena. No entanto, en 1974, a especulación urbanística devasta este barrio histórico e expulsan a súa poboación a Caranza. Alí primeiro aloxan as familias en barracóns prefabricados e despois serán ciscadas en diferentes edificios.
Como se isto non chegase, a ampliación de Bazán arráncalle ao barrio o peirao de San Fernando. O exército expropia o peirao de Fontelonga. Por último, un pavillón deportivo, un colexio e un instituto ocupan o antigo Campo de Batallóns, que era un parque natural cheo de árbores usado polas xentes de Esteiro como zona de esparexemento. Das seis rúas paralelas orixinarias, hoxe só restan dúas: a Fernando VI e a Carlos III.
A pesar de tanto maltrato, en Esteiro concéntrase o mellor da historia obreira de Galiza. Na rúa San Fernando (Fernando VI) veu ao mundo Pablo Iglesias, o apóstolo do socialismo. Na rúa San Amaro fundouse en 1909 a Sociedade de Descargadoras, o primeiro sindicato exclusivamente para mulleres. Na rúa San Sebastián morou Amalia Fraguela, a pioneira libertaria do grupo anarquista a Antorcha. Despois de fuxir da prisión, neste barrio agochouse Antonio Santamaría, derradeiro alcalde republicano de Ferrol, e tamén se constituíu a Alianza Nacional de Forzas Democráticas, a plataforma que uniu todos os demócratas que sobreviviran á barbarie franquista. Na rúa Ánimas naceu Segundo Vilaboy, heroe da resistencia antifascista, e na rúa San Agostiño, Amor Deus, líder do 10 de marzo.
A Historia de la cruzada española de Arrarás é un compendio de historia fascista onde se exalta, ao longo de centos de páxinas delirantes, o golpe de estado de 1936. Deste modo describen o noso barrio: «Habitan el Esteiro los operarios de la Constructora y de la Maestranza, burguesía obrera que disfruta de una posición privilegiada, porque sus componentes ganan altos jornales y cuentan con trabajo fijo. Suelen también colocar a sus hijos en sus mismos talleres y acumulan así varios jornales en la familia. Estos obreros, a cubierto de la miseria, son, sin embargo, los representantes del extremismo. Todas las perturbaciones de la vida ferrolana proceden de este núcleo».
Non se enganaban. Esteiro é o baluarte proletario de Galiza, cerna irredutíbel do Ferrol rebelde.
*Os roteiros de ‘Ferrol Rebelde’ guiados por Marcos Abalde son os sábados e domingos, ás 11:00 e 17:00 horas. Inscrición previa no teléfono 640 65 13 14.