Home / Actualidad / Fene homenaxeará este mércores a Ramón Souto González, alcalde socialista represaliado

Fene homenaxeará este mércores a Ramón Souto González, alcalde socialista represaliado

Ferrol360 | Martes 15 agosto 2017 | 13:15

O Concello de Fene organiza para este mércores unha homenaxe ao alcalde do municipio, Ramón Souto González, que foi represaliado en 1936 xunto con outros membros da corporación fenesa. A homenaxe terá lugar na antiga praza do Concello, que desde o pasado maio renombrouse praza do alcalde Ramón Souto González, co descubrimento dunha placa na súa memoria.

O acto compezará ás 20.30 horas e están convidados os membros da corporación, familiares do alcalde fusilado, entidades da zona e toda a cidadanía. Ademais de descubrir a placa conmemorativa, o Concello tamén honrará a Souto González convocando o I Concurso de artigos xornalísticos co nome do alcalde represaliado.

O certame pretende promover a reflexión sobre temas relativos á historia do municipio, do resto da comarca e de Galicia ao longo do século XX. A iniciativa tamén quere fomentar a creación de espazos nos medios de comunicación para analizar e divulgar a nosa memoria histórica.

O pleno do Concello de Fene do pasado 4 de maio aprobou o cambio de nome da praza cos votos a favor de PP, BNG e EU, mentres que o PSOE e Somos Fene se posicionaron en contra, indican desde o Concello. Ademais, a proposta do PP acordouse celebrar este acto institucional de homenaxe e a convocatoria do certame xornalístico.

Ramón Souto naceu en 1900 na Póboa do Caramiñal e chegou a Fene xunto coa súa familia pouco antes de cumprir o servizo militar. Carpinteiro e traballador da antiga fábrica de baldosas de Perlío, Souto participou do movemento sindical e tamén político, chegando a ser candidato a deputado no 1933 polas listas socialistas.

Substituíu no cargo ao alcalde socialista José Pita Cortés, que dimitíu en xuño de 1936. Ramón Souto González foi detido na Casa do Concello o 1 de agosto xunto con outros membros da corporación: Andrés Iglesias, Juan Sanchez, Francisco e Eduardo Barcia e o secretario municipal, Jesús Tenreiro.

Estivo cautivo no campo de concentración de La Escollera, en Ferrol, ata que na noite do 16 de agosto ou madrugada do 17 foi sacado de alí xunto con outros 14 presos políticos, entre eles Xaime Quintanilla. Existen dúas versións do que aconteceu despois de sair do campo de concentración, unha teoría asegura que foron executados no muro do antigo cemiterio de Canido e outra sostén que os fusilamentos se terían producido no castelo de San Felipe.

O goberno local de Fene apunta que agora o Concello «ofreceralle por fin o recoñecemento que merece, en cumprimento do noso deber de reparar as vítimas da represión e de preservar a memoria histórica recente».

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*