MARCOS ABALDE | ‘Ferrol Rebelde’ | Sábado 12 marzo 2016 | 11:17
Poucas horas despois dos sucesos do 10 de marzo, o réxime corta as comunicacións telefónicas de Ferrol co exterior. Quería ocultar o crime, mais non o consegue.
Paco Balón estaba encargado de explicar o desenvolvemento da mobilización obreira e xusto despois do masacre chama aos compañeiros de Madrid, Coruña e Compostela. O rostro asasino do franquismo provoca a indignación internacional e a solidariedade inmediata do proletariado galego.
Que Paco Balón fixese esas chamadas vai significar un duro golpe para o réxime franquista. O roteiro Ferrol Rebelde procura algo parecido. Queremos retomar as comunicacións coa xeración do 72 e con cinco xeracións máis: da Primeira Internacional a Moncho Reboiras.
Porque Ferrol ten o dereito a saber e o deber de recordar a longa estirpe de loitadores e loitadoras que converteu a nosa cidade na capital da dignidade proletaria, na capital galega da rebeldía. O Ferrol Rebelde non é a historia dos reis nin dos enxeñeiros, é a historia do pobo traballador. A epopea dun pobo que toma conciencia da súa opresión, que se organiza e loita. E grazas a tomar conciencia da súa opresión, organizarse e loitar conquista dereitos.
O Ferrol Rebelde percorre a epopea proletaria da conquista da liberdade.