Home / Cultura / Ferrol e os seus arredores a través dos ollos do Grupo Bazán nunha mostra na Casa da Cultura de Fene

Ferrol e os seus arredores a través dos ollos do Grupo Bazán nunha mostra na Casa da Cultura de Fene

FERROL360 | Xoves 22 decembro 2016 | 11:02

Ata 40 instantáneas de 20 fotógrafos compoñen a exposición Objetivo Ferrol 2.0 do Grupo Bazán. Trátase dunha ollada á arquitectura, á vida cotiá e á paisaxe da cidade de Ferrol e doutros puntos da súa contorna. Unha mostra que se poderá visitar na Casa da Cultura de Fene ata o 14 de xaneiro.

Da colección forman parte obras de Alejandro Pérez, Ángel García, Beatriz, Rodríguez, Carlos Cruz, David Souto, Edu Pereira, Eva Vázquez, Gelis López, Iván Seijo, José Amigo, José Fonticoba, Luz González, María Jesús Villamar, Marimar Pazos, Mata Pérez, Miguel Ángel Calvo, Nelson López, Pablo Mauriz, Tusun e Víctor Torreiro.

Son todas fotografías en grande formato nas que se alternan a cor e o branco e negro para retratar Ferrol e os seus arredores cunha visión persoal. A arquitectura de edificios emblemáticos da cidade, as rúas co seu trafego, o mar, as praias, os estaleiros, o porto, as Meninas de Canido, San Felipe, a natureza, compoñen un mosaico co que descubrir o municipio dun xeito distinto.

A exposición poderá visitarse nos horarios habituais do centro, de 10:00 a 13:00 horas de luns a sábado e de 16:00 a 21:00 horas de luns a venres. Ademais, do 22 de decembro ao 6 de xaneiro as instalacións abrirán ata as 14:15 horas e os días 22, 27 e 29 de decembro tamén entre as 17:00 e as 21.00 horas. Os domingos e festivos estará pechada.

Grupo Bazán

Detrás da iniciativa está a sección fotográfica nacida hai 22 anos no seo do Grupo Bazán, unha entidade con máis de catro décadas de historia a prol da promoción do deporte e a cultura. A sección dedicada á fotografía comezou con once compoñentes en 1994 e hoxe pasan de 60, algúns deles premiados en certames galegos, estatais e internacionais.

Reúnense todos os venres no local do grupo, onde tamén se imparten seminarios e cursos relacionados con esta arte. As actividades que levan a cabo poden seguirse a través do seu blog e os interesados en contactar coa sección poden escribir a: fotografiagrupobazan@gmail.com.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*