Home / Opinión / De quen vés sendo? / Ferrol precisa máis rúas con nome de muller

Ferrol precisa máis rúas con nome de muller

MARINA GONZÁLEZ | De quen vés sendo? | Venres 11 maio 2018 | 17:32

O primeiro que sentín cando unha profesora me dixo que o meu exame era excelente e que competía con dous alumnos pola matrícula, foi culpa. Culpa por ser unha intrusa, unha okupa do éxito académico, por obter un recoñecemento que cría non merecer.

Estou segura de que os meus compañeiros homes non sentiron nada parecido, porque a eles os educaron para destacar e a min para calar. A culpa só foi un recordo de tódalas veces que, por ser muller, se me esixiu ser parva.

Non con esas palabras, claro, senón con tódolos amigos que nos ridiculizaban por ser mozas, os pais que nos chamaban sabiondas ou mandonas cando tiñamos a mesma aptitude de liderazgo que se espera dun neno, os homes que nos dixeron de maiores que unha muller demasiado intelixente intimida e vai acabar soa, que caladiñas estamos máis guapas.

Mentres os meus compañeiros teñen un sinfín de referentes culturales en todos os ámbitos da vida pública, as miñas referentes sempre se viron relegadas ao privado. Porque cando lles pregunto aos nenos do meu grupo scout, no que son voluntaria, quen son os seus referentes, eles nombran científicos, empresarios, súper heroes, deportistas e elas nombran á súa nai.

Non creo que haxa nada malo en admirar ás nosas nais e avoas e irmás, pero precisamos máis referentes. Ver nomes de mulleres nos periódicos, nos libros de texto, na televisión e nas rúas. É un pequeno paso pero, na nosa cidade, hai centos de rúas con nomes de homes que foron colonizadores, escritores, intelectuais, militares e son escasas as rúas con nomes de mulleres da Historia.

Por iso, me gustaría propoñer que esta situación cambiase e que, en todas aquelas rúas que non teñen nome, como as que se limitan a estar numeradas pola zona das Pías, aparecesen os nomes das nosas referentes. Aínda que sexa só un nome, implica ocupar o noso espazo na cidade, lembrar que somos suficientemente importantes para ter nomes propios.

Escritoras como Carmen Laforet ou María Zambrano, revolucionarias como Dolores Ibárruri e Juana Capdevielle, políticas como Victora Kent, artistas como Frida Kalho ou Maruja Mallo poden significar un novo modelo de muller forte para as novas xeracións. Fagamos que ningunha de nós volva a sentirse culpable por ser escoitada, porque temos voz.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*