Home / Cultura / «Gústame pensar que podo facer a vida das persoas un pouco mellor coa miña música»

«Gústame pensar que podo facer a vida das persoas un pouco mellor coa miña música»

O músico ferrolán actuará no Jofre este xoves 10 de maio (cedida)

O músico ferrolán actuará no Jofre este xoves 10 de maio (cedida)

M. CORRAL | Ferrol | Martes 8 maio 2018 | 22:44

Caranceiro da colleita do 79, músico autodidacta e doutor en Química. Fernando Barroso son moitas persoas condensadas nunha soa. Auténtico virtuoso das cordas, o ferrolán é capaz de practicar a hipnose con todos os que teñan a ousadía de mirarlle as mans.

O músico chega ao Jofre este xoves presumindo de novo traballo en solitario, mais á vez non estará só nas táboas do teatro. Margarida Mariño daralle a réplica neste club dos amantes silenciosos que promete unha viaxe polas máis variadas músicas ás que ama Barroso. Todo un after-work musical para desconectar do día e conectar con nós mesmos.

FERROL360 – Logo de ter acompañado nos escenarios a boa parte dos artistas galegos máis recoñecidos comezas una nova andaina en solitario, por que agora?
FERNANDO BARROSO – Mellor agora que despois. Antes non puido ser. Traballar con outros artistas foi interesante para rodar. Igual que o poden ser futuras colaboracións. Pero xa dende unha posición diferente. Cunha carreira persoal en marcha.

360 – Despois do arranque con Intropía, un primeiro traballo en solitario, chega agora Silence Lovers Club. Mandolin Pieces.
FB – O primeiro disco foi un traballo de estudio con 17 pezas e moitos instrumentos, por unha necesidade de comezar a lanzar a miña propia música. Este é un formato reducido, a dúo con Margarida Mariño, e está pensado directamente para comezar a facer concertos.

360 – Este xoves, no Jofre, ademais estarán tamén tres músicos e amigos da comarca…
FB – Si. A última das presentacións do disco antes de continuar a andaina ata onde nos leve. Un concerto especial e con algúns dos amigos que se cruzaron polo camiño nestes anos. Colegas do norte e grandes músicos que nos acompañarán este xoves: Pablo Vergara, Brais Maceiras e Serxio Ces.

360 – Que supón par un músico ferrolán subirse a un dos escenarios máis emblemáticos da cidade?
FB – O Jofre, alén de ser un dos teatros máis lindos, é unha icona para os que somos de Ferrol. Sempre desexamos subirnos ao seu palco. E máis para un rapaz que pasaba a súa adolescencia soñando con facer música. Tantas horas collendo o bus para Caranza na parada de Correos á saída do instituto, imaxinaba os espectáculos que terían lugar nese teatro.

360 – Nos teus comezos, cando eras ese rapaz de Caranza que estudaba Químicas en Vigo e tocaba cos colegas nas fins de semana cargando cunha guitarra eléctrica, imaxinaras que anos despois estarías vivindo da túa paixón?
FB – Si. Sempre tiven claro que o faría. Non sabía cando nin como sucedería. A pesar de ter un obxectivo, a maior parte das cousas que suceden non as planificas. Mentres tanto vas traballando, facendo camiño e agarrando as oportunidades.

360 – Supoñemos que non foi una decisión doada e que atopaches non poucas pedras polo camiño, houbo algún momento no que estiveras a piques de deixar a música nun segundo plano e retomar a túa carreira académica buscando un traballo máis “estable”?
FB – Non. Nunca. A vida resultaría un absoluto desastre. Ademais, os artistas temos o ‘ego’ de pensar que a humanidade precisa da nosa obra. Dunha maneira humilde gústame pensar que podo facer a vida das persoas un pouco mellor coa miña música. E iso resulta un motor inesgotable.

360 – Lembras algún momento en especial no que dixeras, “isto é o meu e vou loitar”?
FB – Creo que perdín a virxindade musical cando gravamos o disco de Assembly Point e entendín que as miñas composicións valían e ata gustaban. Foi sorprendente e desinhibidor.

360Silence Lovers Club supón unha chea de viaxes nun só disco. Onde nos leva?
FB – Lévamos a un club de música ao vivo, onde as persoas evádense do ruído social e van gozar de música para darlle un bo final á súa xornada. No musical, as miñas pezas vense influenciadas por músicas que escoito. Clásico, Jazz, Persa…

360 – Cando baixe o pano do Jofre o vindeiro xoves e puideras elixir un pensamento común para toda esa xente que estivo gozando do concerto, cal sería?
FB – Que sentisen emoción. Levo todos estes anos intentando facer melodías que seduzan e fascinen. Igual que eu ficaba fascinado coas melodías de outros instrumentistas. A música instrumental ten un poder diferente que as historias contadas.

360 – Coa lexitimidade que dan os soños cumpridos, que lles dirías aos ferroláns máis novos que non descartan adicarse á música?
FB – Pois que non se queden a medio camiño. As decisións tomadas con paixón sempre levan a algún lugar interesante. E que sempre debemos estar abertos ao fracaso. Ese grande mestre.

Barroso estará este xoves con Margarida Mariño ás 20:30 horas. Aínda quedan unhas poucas entradas que poden mercarse nesta páxina web ou na billeteira do Jofre.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*