Home / Actualidad / Moeche e San Sadurniño levan os seus orzamentos a pleno este xoves

Moeche e San Sadurniño levan os seus orzamentos a pleno este xoves

FERROL360 | Xoves 16 febreiro 2017 | 11:32

O Pleno ordinario do Concello de Moeche debatirá na tarde deste xoves a proposta de aprobación inicial do orzamento municipal para 2017, que ascende a 2.032.005 euros. En sesión extraordinaria, San Sadurniño tamén someterá os seus orzamentos a debate plenario. As contas locais son de 2.735.000 euros.

O orzamento de Moeche supón un incremento notable respecto ao aprobado en 2016, que foi de 1.451.550 euros, polas transferencias correntes e de capital provenientes doutras adminstracións e da ordenación da xestión de impostos e arrendamentos de bens públicos.

No apartado de ingresos inclúense as cantidades que o municipio percibirá con cargo ao Plan Único de Concellos POS+2017, que suman 370.819 euros, ademais das baixas que se produzan nos procesos de contratación de obras ao longo do ano, así como 104.000 euros para investimentos no polideportivo municipal.

Neste senso, preséntase para a súa aprobación o proxecto de substitución de cuberta do Pavillón polideportivo municipal por importe de que se desenvolverá oa abeiro dun convenio de colaboración coa Deputación da Coruña.

No apartado de gastos, salienta o capítulo dos investimentos reais que se sitúa nos 950.000 euros, o 46 % do total orzamentario, destinados a obras e servizos. Destaca así mesmo un incremento dos gastos de persoal que se concreta na próxima contratación de persoal para o Servizo de Axuda no Fogar xa que neste ano pasado dobrou o número de usuarios así como a dotación para a creación de novas bolsas de emprego.

Recóllese consignación incrementada para cultura, feiras, comercio,educación e principalmente benestar social con aumento das achegas para servizos de conciliación.

Orzamentos en San Sadurniño

San Sadurniño votará tamén este xoves os seus orzamentos municipais, que presentan unhas previsións e ingresos cifradas en 2.735.000 euros e unha estimación de gastos que ascende a 2.695.000.

As liñas mestras das contas para o presente ano atenden ao fortalecemento das políticas sociais, o mantemento de infraestruturas e o reforzo das actuacións en materia de desenvolvemento local e promoción económica.

A grandes trazos, arredor do 20 % dos gastos van para acción social en materia de igualdade e benestar, elévase até un 31 % o apartado de gasto corrente onde, ademais dos custes de funcionamento municipais, tamén se inclúen as achegas ao tecido asociativo, as bolsas de estudo e as achegas para servizos de conciliación, que en 2017 chegarán aos 71.000 euros.

Os investimentos reais sitúanse preto dos 630.000 euros, o 23 % do total orzamentario, destinados a obras e servizos. No tocante a gastos tamén destaca a partida de persoal, que son 1.130.000 euros, e o gasto en asistencia social, que se achega aos 400.000 euros en salarios da vintena de profesionais do servizo de axuda no fogar e do persoal xestor da área de Servizos Sociais.

Nesta sesión tamén se someterán a aprobación os proxectos e actuacións que se financiarán con cargo ao Plan Único de Concellos POS+ 2017, do que San Sadurniño percibirá algo máis de 625.000 euros, ademais das baixas que se xeren nos procesos de contratación de obras ao longo do ano.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*