Home / Actualidad / O Mércores de Cinza e o 23 de novembro de 2018 serán festivos en Narón

O Mércores de Cinza e o 23 de novembro de 2018 serán festivos en Narón

FERROL360 | Xoves 28 setembro 2017 | 18:53

Marián Ferreiro presidiu este xoves o seu primeiro pleno ordinario como alcaldesa de Narón. Unha convocatoria marcada por asuntos de trámite como as modificacións na composición de órganos do goberno, o nomeamento de Ferreiro como representante do Concello en varios organismos e a proposta de solicitar á Xunta Electoral Central o nomeamento de María del Carmen Espada como concelleira.

Coa reorganización dos órganos de goberno, o edil Guillermo Sánchez Fojo (TEGA) pasa a ser o primeiro tenente de alcalde, que será ademais o portavoz do grupo municipal de Terra Galega. Ferreiro será agora a representante do Concello en organismos como a Mancomunidade, Comisión de deslinde co Concello de Valdoviño, Cosma e a Fundación Parque Científico Tecnolóxico Río do Pozo, entre outros.

O pleno aprobou os festivos locais de 2018, que serán o 23 de novembro, Día de Narón, e o 14 de febreiro, Mércores de Cinza. A sesión tamén deu luz verde, coa abstención do PP e ENE, ao nomeamento de 87 novas vías e tramos na parroquia do Val, que pasarán a incorporarse ao rueiro oficial do Concello; a incorporación da UGT ao Consello Sectorial de Igualdade e o Regulamento de funcionamento e utilización de locais culturais rexidos polo Padroado da Cultura.

A sesión tamén servíu para aprobar unha serie de modificacións na ordenanza que regula a expedición de licenzas de vao e reservas da vía pública para aparcamento exclusivo, parada de vehículos e carga e descarga de mercadorías. A iniciativa contou co voto favorable dos grupos que compoñen o goberno e de EU.

Así, non se poderá ampliar a lonxitude no acceso, os espazos abertos ou garaxes con capacidade inferior a cinco vehículos e contémplase, entre outras medidas, a posibilidade de autorizar reservas de ocupación do espazo público temporal para fins como, por exemplo, submistrar e bombear formigón, descargar gasóleo ou colocar vehículos de exposición e mesas para reparto de publicidade comercial.

Mocións

Aprobouse a moción do BNG sobre a limpeza dos ríos no municipio, instando a Augas de Galicia a elaborar un informe do estado dos ríos que discorren por Narón e ofrecendo a colaboración do Concello no financiamento, e tamén a moción de condena das declaracións da Fundación Francisco Franco sobre as visitas guiadas ao Pazo de Meirás e apoiando ao Concello de Sada para instar á Xunta a que se encargue das visitas guiadas ao Pazo.

Tamén sairon adiante as do PSOE para instar á Xunta a loita e prevención da praga da vespa velutina e sobre un novo modelo salarial e un novo pacto de rentas en España, así como outra de EU en solidariedade co pobo saharaui.

O pleno tamén aprobou unha declaración institucional sobre o Día Internacional da Nena, o 11 de outubro, e unha moción presentada por ENE por vía de urxencia sobre o Camiño Inglés, ao aceptar o seu portavoz unha enmenda proposta por TEGA, na que se insta aos organismos responsables do Camiño de Santiago a corrixir a sinalización para manter o trazado orixinal.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*