FERROL360 | Mércores 31 xaneiro 2018 | 13:49
Logo de toda unha vida adicada á música con proxectos como El Viejo Caracol ou Blah!, o cantautor Óscar Fojo quere voar só desta vez. Nesta nova etapa quedan atrás os anos como integrante de bandas como Charetas, Zinza, Morecegos, Retobato e Os Derradeiros para «dar un paso máis alá e facer un disco en solitario».
De ventos e lúas será o título do seu traballo, que ten previsto gravar entre marzo e maio desde mesmo ano, se todo sae segundo o previsto e acada os apoios precisos na campaña de crowfunding que lanzou esta mesma semana a través desta web. «Creo que é o momento de cantar e contar en primeira persoa. Queredes formar parte e facelo posible?», pregunta Fojo.
Se queremos ser un ou unha dos ou das mecenas do proxecto podemos aportar dende 5 ate 500 euros, cunha grande marxe de por medio que pode adaptarse a todos os petos. En poucas horas dende a súa posta en marcha, acumula case 700 euros. Precisa, en total, 4.750 euros e restan 39 días para conseguilo.
Explica Fojo que deses cartos 2.500 serán para o estudio de gravación, 1.500 para o deseño e a edición das copias do CD, 250 para o envío das recompensas, e 500 para os gastos de xestión de Verkami e outros. Estima que o disco saia á luz nos meses de xuño ou xullo.
