Home / Ortegal / Ortigueira / Ortigueira afina os instrumentos que soarán no 30º Festival do Mundo Celta

Ortigueira afina os instrumentos que soarán no 30º Festival do Mundo Celta

Os irlandeses The Chieftains volven ao Festival de Ortigueira despois de dez anos
Os irlandeses The Chieftains volven ao Festival de Ortigueira despois de dez anos

ARY LÓPEZ | Mércores 16 xullo 2014 | 17:00

A falta de vinte e catro horas para que comece oficialmente a trixésima edición do Festival Internacional do Mundo Celta, Ortigueira abre as súas portas para recibir aos milleiros de visitantes que agardan unha cita coa música folk.

Ao longo dos últimos días, á capital ortegana foron chegando os primeiros asistentes que instalan os seus fogares ambulantes na praia de Morouzos para poder gozar dunhas xornadas de festa onde a expresividade artística se amosa sen complexos, expandíndose de norte a sur e de este a oeste chegando a cativar a tódolos públicos.

O programa arranca mañá xoves. Dende a praza de Isabel II terá lugar ás 20:00 horas a inauguración musical a cargo da Escola de gaitas de Ortigueira, a Dominic Graham School of Irish dance, un cuarteto da Banda de Gaitas Vila de Mieres e a Royal Burgh of Renfrew pipe band. Pero antes, ás 17:00 horas realizarase a apertura das exposicións, tanto na casa do Concello coma no centro de visitantes, e os feirantes farán o propio coa feira de artesanía que se extende ao longo dos xardíns do Malecón. Será dende as 22:00 horas cando o escenario da Alameda reciba as actuacións de Tiruleque, Cuarteto Caramuxo, Xabi Aburruzaga band, finalistas do Proxecto Runas 2014 que deberán ofrecer a súa mellor actuación para ser elixidos vencedores dun concurso que premia e promove os grupos emerxentes ofrecéndolles a posibilidade de actuar no festival o próximo ano.

Tiruleque, que repite como favorito desta proba á que se presentou hai cinco anos, define o seu estilo como «música galega sen etiquetas» con enxeñosas melodías e arranxos do cancioneiro tradicional fabricados a base de clarinete, saxo, gaita, contrabaixo, acordeón e percusións.

Por esta mesma senda viaxa o Cuarteto Caramuxo, que non son catro senón seis os creadores dunhas pezas orixinais coas que divertirán ao público percorrendo os seus dous traballos discográficos.

O trikitilari ou acordeonista Xabi Aburruzaga chega dende Euskadi coa súa banda para presentar o seu terceiro álbum titulado Geure. O músico bota a vista ao pasado para compoñer os sons do futuro combinando, fundamentalmente, o folk e o jazz.

Por último, o gaiteiro Pepe Vaamonde e o guitarrista Pipo Alvariño volven co seu grupo a Ortigueira para realizar un adianto do seu cuarto disco.

O venres, a praza de Isabel II acollerá a música das ‘free sessions’ dende as 12:00 que se repetirán ás 20:00 horas e tamén o sábado á mesma hora e no mesmo lugar. Ás 16:00 horas, a devandita praza será punto de encontro para o concurso de gaita solista e despois, en pasarrúas, ás 18:00 horas, dende a biblioteca aos xardíns do Malecón, desfilarán a Banda de gaitas Vila de Mieres, a Banda de Guillarei e a Bagad Kemper. Pola noite, dende as 22:00 horas, ao escenario da Alameda subiranse a Escola de gaitas de Ortigueira, Milladoiro, Dominic Graham School of Irish dance, Moxie e os gañadores do anterior Proxecto Runas, Ruaille Buaille.

Os anfitrións, a Escola de gaitas de Ortigueira, son medio cento de músicos dirixidos por Rodrigo López. Abrirán as actuacións da noite amosando o seu repertorio de música e baile tradicional galego.

De seguido, Milladoiro emprenderá unha viaxe arredor dos vinte discos publicados durante os trinta e cinco anos de traxectoria musical. Como veteranos da nosa escena, retornan a unha cita que os viu nacer e que os proclamou protagonistas do rexurdir do folk galego.

Dominic Graham School of Irish dance ofrecerá, como xa fixera o ano pasado, os seus espectaculares bailes protagonizados por los alumnos e alumnas desta escola irlandesa fundada nos anos setenta. Con Back to Breogán queren render homenaxe ao festival que lles abriu as portas internacionalmente.

Considerada a «banda revelación» desta edición e estreando o seu primeiro traballo discográfico, o grupo irlandés Moxie achegará a música tradicional do seu país fusionada con xéneros máis americanos coma o rock ou o bluegrass.

Os vascos Ruaille Buaille revivirán en Ortigueira a súa algarabía despois de gañar o Proxecto Runas 2013. Folk, country e blues para pechar a noite do venres.

Milladoiro ofrecerá o venres unha viaxe arredor dos vinte discos publicados a día de hoxe

Milladoiro ofrecerá o venres unha viaxe arredor dos vinte discos publicados a día de hoxe

Os irlandeses The Chieftains volven ao Festival de Ortigueira despois de dez anos

Os irlandeses The Chieftains volven ao Festival de Ortigueira despois de dez anos

No mediodía do sábado comezarán soando os cuartetos e as bandas de gaitas de Ladrido, Vila de Mieres e Guillarei. Pola tarde, dende as 17:00 horas haberá un concurso de cuartetos tradicionais na praza de Isabel II e, de novo, un pasarrúas ata á Alameda dende as 19:00 horas da man da Banda de gaitas Ximiela, a Royal Burgh of Renfrew pipe band e a Rondalla Helios de Bembrive. O teatro da Beneficencia acollerá ás 21:00 horas o espectáculo de danza irlandesa a cargo da Dominic Graham School of Irish dance. A culminación do festival chegará a partires das 22:00 horas no escenario da Alameda coas actuacións de Bellón Maceiras Quintento, The Chieftains, Bagad Kemper + Red Cardell, Treacherous orchestra e Anxo Lorenzo Band.

A culminación do festival chegará a partires das 22:00 horas no escenario da Alameda coas actuacións de Bellón Maceiras Quinteto, The Chieftains, Bagad Kemper + Red Cardell, Treacherous orchestra e Anxo Lorenzo Band.

A mistura do novo folk e as músicas do mundo chega a Ortigueira da man de Bellón Maceiras Quinteto. O que naceu coma un dúo evolucionou agora nunha formación que conxuga a gaita e/ou acordeón, con guitarra, contrabaixo, saxofón e batería para facer soar un tango, unha muiñeira, pasaxes de música cubana, pezas de blues ou valse francés.

Unha das actuacións máis desexadas pola maioría dos presentes ao festival será a dos irlandeses The Chieftains. Xa en 2004, a presenza deste grupo veterano encheu como nunca antes o municipio e para non defraudar desta vez, ademais de interpretar os seus temas máis lexendarios ofrecerán pinceladas do último disco publicado en 2012 baixo o título de Voice of ages.

A música tradicional bretoa e o rock protagonizarán o ecuador da noite do sábado. Máis de corenta músicos que forman parte da Bagad Kemper e os Red Cardell estrearán o espectáculo Fest Rock onde poderemos comprobar que é posible a amizade entre bombardas, gaitas e guitarras eléctricas.

O listón seguirá nun lugar elevado coa visita da Treacherous Orchestra, un colectivo escocés que integra multitude de músicos procedentes doutras bandas folks de referencia. Reúnense en contadas ocasións e unha delas será en Ortigueira e que suporá a estrea oficial deste grupo en España. Gran calidade musical e dinamismo.

Anxo Lorenzo Band clausurará a última noite do festival cun proxecto onde a gaita, entoando «sen límites un himno á liberdade», percorrerá as melodías dos países celtas recollendo así o leitmotiv desta cita de carácter internacional. Confuxon é o nome do seu máis recente álbum.

Con todo, haberá que gardar folgos para contemplar o tradicional desfile de despedida que pechará a 30ª edición do festival, o domingo ás 12:00 horas con salida e chegada dende a praza de Isabel II. Os protagonistas serán a Rondalla Helios de Bembrive, as bandas de gaitas de Melide, Ladrido, Vila de Mieres, Ximiela, Guillarei, a Bagad Kemper, a Royal Burgh of Renfrew pipe band e a Escola de gaitas de Ortigueira.

«Unha edición para o recordo»

Dende a organización do festival queren gravar nas mentes dos visitantes a trixésima edición dunha cita que naceu no ano 1978 impulsada por membros da Escola de gaitas de Ortigueira e coa que tamén naceu o grupo Milladoiro. Coa visita desta banda mítica, á que tamén lle acompañan The Chieftains, entre outros, os organizadores consideran un «gancho potencial» o cartel deste ano e agardan aumentar a afluencia de xente con respecto a outros anos.

A día de hoxe afirman que as viaxes en tren están «cheas de festivaleiros» e que na vila comeza a verse «bastante movemento». Confían que o bo tempo axude a acadar as espectativas que tiñan previstas, xa que se pretende celebrar os trinta anos «a lo grande».

Como novidade para este ano, o festival recupera a figura do presentador que nesta ocasión encarnará o actor e humorista Carlos Blanco.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*