Home / Cultura / Teatro e Certame de Habaneras este venres e sábado en Narón

Teatro e Certame de Habaneras este venres e sábado en Narón

FERROL360 | Venres 13 abril 2018 | 9:13

O grupo Sangue de dragón, da asociación teatral naronesa O Aturuxo de Melpómene, estreará este venres no Auditorio municipal, a obra Algo pasa con Paco, escrita por Alejandro Martín e dirixida por Cristina Mariño. A cita será ás 20.30 horas.

A peza ten unha duración de preto de hora e media e está recomendada para persoas maiores de 12 anos. As entradas son de balde e poden recollerse, ata completar o aforo do Auditorio, na billeteira do Pazo. O Padroado da Cultura, a Deputación da Coruña e a Federación Galega de Teatro colaboran neste espectáculo.

Paco Checo é o protagonista desta obra teatral. El é un cabaleiro errante, dos de antes, dos que saen na procura de dragóns e tesouros sen pensalo, porque cre que posúe un gran valor, aínda que xa coñeceu tempos mellores, indican desde O Aturuxo de Melpómene.

As malvadas forzas raptan á princesa do pobo, e Paco e o seu escudeiro Xaime saen na súa procura. A maxia e os entortos sucederanse ao longo deste espectáculo teatral, no que o protagonista aprenderá que a vida non só é branca ou negra, senón que está chea de cores.

Coincidindo coa estrea estarán presentes alumnas e alumnos dunha escola de maquillaxe que realizarán prácticas de caracterización coas actrices e actores que forman o elenco desta obra: Adelaida Abad, Carmen Caeiro, Chani Hernández, Alejandro Martín, Frankie Muíño e Benie Suárez.

Xa na xornada no sábado, o Auditorio municipal acollerá a décimo sexta edición do Certame de Habaneras de Narón, organizado polo Padroado da Cultura e a Sociedade Cultural Areosa, de Piñeiros. A cita, durante a que actuarán catro agrupacións, dará comezo ás 17.30 horas e que a entrada é de balde.

Nesta ocasión actuarán ademáis da agrupación anfitriona, a Coral da Sociedade Cultural Areosa, o coro Son Astur, de Oviedo, e as rondallas de Cariño e Perla del Río, esta última de Fene.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*