Home / Opinión / De quen vés sendo? / Traballar para administracións públicas sen ser funcionario e non morrer no intento

Traballar para administracións públicas sen ser funcionario e non morrer no intento

Estefanía | De quen vés sendo? | Domingo 19 marzo 2017 | 11:41

O meu nome é Estefanía, traballo como auxiliar administrativo en ASFEDRO dende o ano 2009, e dende ese ano non fago máis que ver como se deteriora tanto o servizo como as condicións salariais dos traballadores. Levamos anos aturando unha situación insostible, aturando a desidia e a falta de consideración da Consellería de Sanidade; e me gustaría facerlle saber á xente que é o que estamos pasando neste centro.

Para alguén alleo a este mundo dos convenios coas administracións pode resultar algo complexo de explicar, pero tentarei definir a grandes rasgos que supón dar un servizo á Consellería de Sanidade, e as condicións nas que temos que traballar.

En primeiro lugar, nós somos unha entidade sen ánimo de lucro, que damos un servizo sociosanitario aos drogodependentes da área sanitaria de Ferrolterra. Damos un servizo que non recolle directamente a sanidade galega e opta por dalo a través da nosa entidade mediante convenios de renovación anual.

Este convenio ten asignado un orzamento para cada unha das unidades de drogodependenzas da rede pública galega, o noso en particular se veu reducido en cerca de 300.000 euros nos últimos cinco anos. O que implicou unha notable baixada dos salarios de tódolos traballadores, e a merma nas posibilidades de mellorar tanto as actividades como as instalacións da entidade, tanto da Unidade Asistencial como da Comunidade Terapéutica.

Cabe resaltar que no noso caso, as subvencións públicas son a única vía de financiamento. Non hai, como si pasa no caso das unidades das cidades máis grandes, un respaldo por parte das empresas privadas da zona, nin grandes colaboracións por parte dos concellos da comarca. Entendemos que a situación de Ferrolterra, económica e laboralmente non permite todo isto. Pero a Xunta, e en particular a Consellería de Sanidade, non ten en conta estas circunstancias á hora de asignar a cuantía das subvencións.

A subvención

O sistema de subvencións funciona de xeito que é a entidade a que primeiro ten que efectuar os pagos, e logo a través de xustificacións parciais, xustificalos (demostralos coas facturas e os seus comprobantes de pago correspondentes). Unha vez comprobada por parte da Consellería, a veracidade e adecuación de ditos gastos, se da a orde de ingreso do montante xustificado a favor da nosa entidade.

Todo este proceso que necesitamos que se faga con certa premura, acaba demorándose durante todo o ano, o que supón un enorme atraso nos cobros. A subvención debe xustificarse na súa totalidade, sen dar opción á posibilidade de aforrar parte dela. Se non o gastaches todo entenden que non o precisas todo, así que para o seguinte ano se reduciría a cuantía.

Saber que os cobros tenden a retrasarse nos obriga a ter que solicitar ano tras ano unha póliza de crédito no banco para poder dispoñer de liquidez e poder facer fronte ao pago de nóminas, provedores e impostos. Coa cantidade de intereses que contratar esa poliza xera e que fan minguar a subvención que recibimos.

Outras das “curiosidades” deste sistema é o feito de que para renovar calquera das axudas, ou solicitar algunha nova, nos esixen estar ao día no pago de calquera imposto en calquera das administracións públicas. Estar ao día nestes pagos cando non tes liquidez é extraordinariamente complicado, cando non imposible. Moitas veces nos vemos obrigados a pagar recargos abusivos polo atraso nos pagos, ou por ter que negociar aprazamentos dos mesmos coa administración de quenda.

Todo este sistema que xa de por si é moi inxusto e absurdo, vese empeorado polo feito de que nos últimos catro anos, a Consellería está facendo os primeiros pagos (un adianto do 20 % do total da subvención) a finais do mes de marzo (cando os exercizos rematan a 31 de novembro do ano anterior). E os bancos non nos renovan a póliza de crédito mentres que non se teña asinado o novo convenio e cobrado dito anticipo.

Impago de nóminas

Todo isto, evidentemente, implica que os traballadores non recibimos ningunha nómina dende (con sorte, porque non sempre se pode) decembro do ano anterior ata finais de marzo do ano en curso. Tres meses sen cobrar un salario, pero tres meses nos que si temos que pagar as nosas facturas.

Tres meses nos que vimos a traballar tódolos días, meses nos que temos chegado a poñer cartos do noso peto para pagar material necesario para as actividades cotiás do centro. Tres meses de desesperación e frustración, de pedir cartos ás familias, de sentir que nin se nos valora como profesionais, nin se nos respecta como persoas.

Por se todo isto non fora suficiente, este ano nos enteramos de que os funcionarios (entre eles os altos cargos cos seus salarios astronómicos) recuperarán o 7 % que tiveron que reducirse por mor da crise. Ao parecer está máis que superada. E incluso nos chegaron a prometer que recuperariamos esa merma económica na nosa subvención.

Pero isto da recuperación económica é como tantas cousas, vai por barrios. Seguimos co mesmo orzamento, seguimos coa redución dos nosos ridículos soldos, seguimos cobrándoos a partir de marzo, pero o que si que non segue igual é a nosa capacidade de aguante e a nosa paciencia.

Situación insostible

Levamos catro anos vindo a traballar sen cobrar porque nos preocupa profundamente o benestar dos nosos usuarios e usuarias. Pero esta situación se normalizou e non podemos deixar que nos sigan pisoteando os dereitos e a dignidade.

A Consellería de Sanidade nos está levando ao punto no que decidamos pechar o centro mentres non se cobre, coa desprotección que suporá para os usuarios, a sobrecarga que terán que padecer nas urxencias hospitalarias e dos centros de atención primaria, e o problema de saúde e seguridade que suporá para toda a comarca.

Ogallá non teñamos que chegar a iso, ogallá non se volva a repetir a mesma situación destes últimos anos, e podamos cobrar a tempo cada nómina. Ogallá á Consellería comece a importarlle tantos os nosos usuarios como nos importan a nós, e comece a respectar un pouco máis o valioso e necesario traballo que facemos en ASFEDRO.

Este documento é máis un dereito á pataleta, unha denuncia pública do que está pasando, que un xeito de lograr que as cousas cambien. Un xeito de que a xente saiba que aínda que nun par de semanas cobremos non será un bo xesto da Consellería, non nos estarán dando nada que non nos corresponda.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*