Home / Actualidad / Varias entidades envían a Feijóo un paquete cunha botella de auga contaminada do río Baa

Varias entidades envían a Feijóo un paquete cunha botella de auga contaminada do río Baa

As entidades enviaron por Correos o paquete coa auga contaminada (cedida)
As entidades enviaron por Correos o paquete coa auga contaminada (cedida)

FERROL360 | Mércores 11 novembro 2015 | 19:08

Diferentes entidades implicadas na defensa natural do río Baa enviaron este mércores un paquete ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, cunha botella de agua contaminada do río.

As asociacións lembran que esta auga está contaminada por culpa dos refugallos altamente tóxicos depositados ilegalmente no monte dos Cocidos, na Parroquia de Laraxe.

O paquete contén tamén un tarro con refugallos «para que teñan presente a realidade desta agresión medioambiental». A intención das entidades é que Feijóo lle faga chegar este envío á conselleira de Medio Ambiente, Ethel Vázquez.

Adega, Verdegaia, as plataformas de afectados polo polígono de Vilar do Colo e pola defensa dos camiños, ademais da SGHN e outros colectivos entregaron o paquete na oficina de correos de Ferrol xa que, «en datas pasadas negóusenos esta posibilidade no rexistro do edificio da Xunta de Galiza en Ferrol», indican nun comunicado.

As entidades denuncian que a Xunta «tenlle máis medo á foto dos colectivos entregando ditos refugallos que ao dano medioambiental e de saúde pública que está a provocar o incumprimento da resolución ditada pola APLU» hai dous anos.

Neste senso, lembran que a resolución obriga á Xunta a retirar preto de 70.000 toneladas de residuos do monte dos Cocidos como responsable civil subsidiaria se o empresario non se fai cargo da súa retirada e a volta dos terreos ao seu estado orixinal.

Así, as asociacións anuncian que «imos seguir loitando, a pesar das cambadelas que nos poida pór o goberno do Sr. Nuñez Feixoo» e consideran que «xa é hora de que este goberno empece a usar o sentidiño no referente ao coidado e protección do medio ambiente» e cumpra coas súas obrigas na preservación do patrimonio común.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*