Home / Actualidad / A aprobación inicial do PXOM de San Sadurniño irá este sábado a pleno

A aprobación inicial do PXOM de San Sadurniño irá este sábado a pleno

FERROL360 | Venres 6 novembro 2015 | 11:01

Despois de dez anos de redacción, o Plan Xeral de Ordenación Municipal de San Sadurniño someterase á votación do pleno. Será o primeiro documento urbanístico co que contará o municipio. A aprobación inicial do planeamento abrirá un periodo de dous meses para que calquera persoa poida revisar o seu contido e presentar as alegacións que considere oportunas.

Para facilitar información sobre este proceso o Concello ten previsto iniciar o vindeiro luns unha rolda de xuntanzas por todas as parroquias, onde se falará principalmente de cales son os obxectivos do planeamento e de que maneira se poderá alegar.

Neste senso, a cartografía e outra documentación exporanse no patio interior da casa consistorial e tamén na web municipal. Ademais, a arquitecta municipal estará dispoñible tres días na semana para solventar dúbidas e axudar coas alegacións.

O goberno local tamén levará á sesión o recoñecemento extraxudicial de créditos e a aprobación inicial do correspondente expediente de modificación. Este procedemento permitirá incorporar ao orzamento actual facturas pendentes de pagamento doutros exercicios, como os pagamentos a Sogama polas facturas de maio a decembro de 2014.

Desde o Concello indican que o auto do Xulgado do Contencioso-Administrativo Nº 1 de Ferrol suspende o procedemento de reclamación de cantidades interposto pola empresa participada pola Xunta. Deste xeito, o auto deixa sen efecto a obrigatoriedade de pagar facturas sobre as que aínda non había sentenza, á espera de que se pronuncie o Tribunal Constitucional.

Mocións

Na orde do día incluíronse tres mocións presentadas antes da convocatoria da sesión. A primeira delas, do BNG, céntrase na promoción do ano 2016 como «Ano das Irmandades da Fala» co gallo do centenario da fundación deste colectivo.

As outras dúas proveñen da organización política Eliximos Narón -integrada no grupo mixto dese concello- que reclamará, dunha banda, que se inste á Xunta para a mellora da cobertura das ambulancias de urxencias na área de Ferrolterra e, doutra, que se cree unha comisión de traballo nos municipios da zona para elaborar un plan territorial de xestión de residuos e que se aposte pola creación dunha sociedade pública para a recollida e tratamento sustentable do lixo de toda a comarca.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies