Home / Ferrol / Ferrol / A área sanitaria de Ferrol incorpora unha nova técnica de micropigmentación da aréola mamaria

A área sanitaria de Ferrol incorpora unha nova técnica de micropigmentación da aréola mamaria

FERROL360 | Domingo 18 outubro 2015 | 16:37

A micropigmentación da aréola mamaria é un procedemento que se realiza despois da reconstrución da mamila, tras unha intervención por cancro de mama, para que a cor da aréola e a mamila teñan unha aparencia o máis real posible.

A pigmentación realízase cunha máquina eléctrica que dispón de pequenas agullas que penetran no pel e inxectan o pigmento seleccionado. Esta micropigmentación abórdase de xeito ambulatorio, sen que a paciente teña que ingresar no CHUF.

A técnica é semipermanente e, co tempo, son necesarios uns retoques, xa que se vai perdendo cor dependendo do tipo de pel e profundidade de implantación do pigmento. Trala aplicación desta micropigmentación, realízase unha primeira valoración para ver os resultados, e unha segunda por se é necesario facer algún retoque.

Técnica sinxela e con bos resultados

Seis mulleres, de idades moi diferentes entre os 40 e os 60 anos, xa foron atendidas con esta nova técnica, que hai uns meses incorporou a área sanitaria de Ferrol. Facilita dar un último paso na evolución da reconstrucción mamaria, tres ou catro meses despois da cirurxía.

«Existen diferentes técnicas de reconstrución do pezón ou a aréola, pero precisarían realizar unha nova intervención, cos riscos clínicos ou persoais que iso leva consigo», explica o cirurxián da área sanitaria ferrolá, Manuel Díaz Tie.

Asegura que «é unha técnica sinxela, con bos resultados, sen anestesia, nin intervención, nin ingreso. Cos poucos casos abordados ata o momento, vemos que as pacientes están contentas e superaron as expectativas previas que traían».

Recuperar a imaxe corporal

A clave desta nova técnica é que permite ás mulleres «recuperar a imaxe corporal». Rosa Fernández, profesional de Enfermaría de Cirurxía formada nesta técnica, destaca que a «experiencia é moi gratificante, xa só por ver a satisfacción das pacientes».

Fernández explica que «a mastectomía é unha intervención traumática para a muller, trala que aparecen sentimentos de alteración corporal, de perda desa imaxe corporal propia e da sensación de feminidade; e, como consecuencia, tamén da autoestima».

A técnica de micropigmentación compón a imaxe da aréola e o pezón «recompoñendo a imaxe corporal. Iso é fundamental porque é un xeito de coidar á muller trala cirurxía», subliña a enfermeira.

170 casos de cancro de mama ao ano

A Xerencia Integrada de Ferrol conta cunha Vía Rápida do Cancro de Mama e un Comité de Mama, constituído por distintos profesionais especialistas coordinados funcionalmente de xeito multidisciplinar. Tratan cada caso individualizadamente, abordando as distintas etapas e procesos.

Na área sanitaria ferrolá, detéctanse ó redor de 170 casos de cancro de mama ó ano. No que vai do presente ano 2015, téñense intervido 134 cancros de mama, dos que 50 foron mastectomías.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies