Home / Cultura / A Asociación de Hostaleiros e Comerciantes do barrio de Esteiro estréase co Festeiro

A Asociación de Hostaleiros e Comerciantes do barrio de Esteiro estréase co Festeiro

REBECA COLLADO | Ferrol | Xoves 8 agosto 2013 | 16:40

Vén de nacer, pero a Asociación de Hostaleiros e Comerciantes do barrio de Esteiro non trae un pan debaixo do brazo, precisamente. Trae á orquestra Panorama. E é que a entidade e a Asociación Veciñal conseguiron que un pedaciño das festas de verán recalase en Esteiro, de xeito que o Concello de Ferrol decidiu programar a actuación da Panorama o vindeiro 29 de agosto no barrio. A posta de longo da AHCOBE será este sábado coa celebración do Festeiro, unha actividade na que os locais sacarán as súas especialidades á rúa. Pablo Fuentes, propietario de La Bodega de Estrella e presidente da entidade, fala con Ferrol360 desta nova iniciativa.

FERROL360 – Como xurdiu a iniciativa de crear a entidade?

PABLO FUENTES – Un propietario dun local da zona visitounos e comentou a idea de tentar facer algo entre todos os locais do barrio. Comezamos a reunirnos informalmente unha vez á semana e, despois de tres reunións, decidimos constituir a asociación. Para tratar de facer un pouquiño máis de forza e ter máis peso.

360 – Quen compoñedes a entidade?

P – Non están todos os locais do barrio. Gustaríanos que foran todos, se fora posible, cantos máis mellor. De momento, somos gran parte dos locais que hai na Avenida de Esteiro e algún máis. En total, somos 19. Hai dous locais que non son de hostalería, son comerciantes. Gustaríanos reunir máis, tanto de hostalería como de comerciantes, e facer eventos destinados a todos os negocios.

360 – Que obxectivos se marca a entidade?

P – O noso obxectivo inmediato é traer unha representación das festas de Ferrol para Esteiro. É dificil, xa que non nos tiveron en conta estes anos pasados. Pero falamos con varios concelleiros e déronnos o seu apoio. De feito, a concelleira de Festas confirmounos que viña a orquestra Panorama para o barrio. Foi un traballo maioritariamente da Asociación Veciñal, pero tivéronnos en conta. Agardemos que nun futuro veñan máis. A localización da actuación está por ver, porque os promotores terán que decidir o lugar máis axeitado por temas de seguridade. En calquera caso, vai estar en Esteiro e xa é un logro grande.

360 – Arrincades a vosa actividade co Festeiro, que se vai celebrar o sábado, a partires das 19:00 horas. En que vai consistir?

P – O Festeiro vai ser a nosa seña de identidade. Cada cousa que fagamos ímoslle chamar Festeiro. Cambiaremos os temas, pero sempre levará o mesmo nome. Está é a presentación, e polo tanto vai ser máis liviana e lixeira que todo o que temos pensado facer. Queremos que nos coñezan un pouco, que a xente vexa a que se adica cada local. E despois, máis adiante, imos tratar de facer algo máis potente, temos varias ideas.

Queremos facer unha cousiña cada mes e tamén en datas sinaladas, como Nadal e festivos. Darlle a importancia que ata o de agora non lle demos. Ten máis repercusión facer as cousas a título colectivo, xa que é máis vistoso.

Neste Festeiro os hostaleiros do barrio sacarán ás rúas as súas especialidades, como gin tonics, margaritas, cervexas, mojitos, caipiriñas e pinchos variados.

Pablo Fuentes, presidente de AHCOBE (cedida)

Pablo Fuentes, presidente de AHCOBE (cedida)

360 – A Asociación Veciñal de Esteiro bótavos unha man?

P – Agradecemos moito a axuda de Miguel López, presidente da Asociación Veciñal de Esteiro, que está sendo un puntal para nós. Ten un gran mérito, porque xa teñen moitas cousas que facer e, aínda así, bríndanse a axudarnos. Eles teñen moitos contactos e saben a que portas hai que chamar. Acompañáronnos ao Concello estas primeiras veces, preséntannos, e estamos moi agradecidos.

360 – Cando un comeza unha nova etapa, unha nova iniciativa, hai moito que facer e por traballar pero tamén hai moita ilusión, non si?

P – Si, moita. Falta fai, porque a cousa está moi difícil. Xa agora en agosto a cousa non é como tiña que ser, a ver se estes eventos levantan un pouco o tema, pero cando veña o inverno… a ver que pasa.

360 – Neste senso, como están soportando os locais de Esteiro a crise?

P – Como en todos os lados, supoño. Bastante mal, máis que nada polo tema dos estaleiros. Ademais, agora no verán, os días de praia nótanse moito. Pola tarde ben, pero o resto do día está un pouco parado. Despois, hai festas e hai que facerse un oco.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies