Home / Ferrol / Ferrol / A Batalla de Brión

A Batalla de Brión

LUIS CALVO | ‘Pensando en alto’ | Sábado 24 agosto 2013 | 17:20

O coñecemento e asunción da historia debe formar parte do patrimonio da memoria histórica e cultural e servir sempre como un punto de partida para o futuro dun pobo.Dende non hai moitos anos as recreacións de batallas históricas, coas súas postas en escena, convertéronse nun fenómeno de masas e motivo de dinamización turística. Por unha parte a recuperación do patrimonio histórico-cultural de cada localidade e o seu valor engadido. Non menos interesante, a promoción dun sector económico para o turismo interior e exterior, abríndose a un mercado turístico con gran potencial de consumidores, dende europeos, norteamericanos, rusos, chineses e demais turistas, ávidos, consumidores dese tipo de espectáculos.En España, os motivos de batallas ou actividades históricas son inxentes e podemos contemplar sobre todo en épocas estivais, como naquelas cidades que as acollen son fundamentais ao crear unha atracción turística que redunda nun beneficio económico moi importante por medio de mercados «históricos», visitas e interesantes excursións que mobilizan o sector de hostalaría nestes tempos de crise onde é moi importante aguzar a imaxinación para xerar emprego.

En todas elas vemos como, grazas aos eventos de reconstrución histórica, cidades con esas características rendibilizan enormemente esa aposta multiplicando por tres a poboación censada, algo que, evidentemente, deixa moito diñeiro na cidade.

Nesta liña poderiamos falar de Astorga e Ponferrada, Bailén, Valbuera, Vitoria, Mérida, Tarragona, e un longo etcétera, así como na nosa propia terra: Vigo coa súa Reconquista; Lugo con Arde Lucus, A Coruña con Elviña… e, que pasa con Ferrol?.

A Federación Europea de Cidades Napoleónicas ten presentado unha proposta para que a rede de cidades que a conforman se converta en Itinerario Cultural Europeo, contando con cidades membros tan célebres como Austerlitz ou Waterloo que son un filón de importante repercusión turística e mediática polos miles de visitantes que concentran.

Ferrol tivo no seu día unha importancia estratéxica fundamental ao ser elixida no século XVI para emprazar unha base naval polas condicións naturais da súa ría de difícil acceso marítimo. A praza de Ferrol estaba rodeada totalmente cunha muralla de vinte pés de altura con baluartes e ameas defensivas, estaleiros e baterías instaladas nas súas costas que facían inaccesible o seu asalto.

Durante a Guerra da Segunda Coalición, entre ingleses contra España-Francia, a Cámara dos Comúns de Inglaterra adoptou executar un ataque por sorpresa contra Ferrol, cuns obxectivos moi claros como a destrución do arsenal e defensas, así como dous buques de guerra fondeados dando un golpe efectivo contra o expansionismo napoleónico. Así, a mañá do 25 de agosto do 1800 o vixía de Monteventoso avistaba unha flota de máis de 100 velas, con estandarte inglés cara ás praias de Doniños e San Xurxo.

Na mañá do 26, os ingleses tentaron tomar o castelo de San Felipe cunhas tropas que sumaban 4000 homes e así deixar indefensa a entrada a Ferrol. Realizaron ata tres asaltos rexeitados polos ataques dos ferrolanos, apostados polos camiños e tropas do Castelo que xunto coa defensa das baterías collían aos invasores con fogo cruzado. Perdida a capacidade do asalto por sorpresa na mañá do 27, logo de dúas xornadas de enfrontamento, os ingleses desistían do asalto poñendo rumbo ás costas británicas.

Nos últimos anos houbo varios intentos de recuperar esa parte da nosa memoria histórica, coa Marcha aos montes de Brión que organizan o Club de Montaña e a asociación de Veciños de Brión, dende o ano 1990, o día 25 de agosto para conmemorar esta festa, realizando un simulacro de enfrontamento entre as forzas inglesas e ferrolanas para rematar cunha celebración festiva dos participantes.

Partindo destas premisas, no ano 2000, -coincidindo có douscentos aniversario desta batalla-, nace a Asociación «Batalla de Brión», cun único obxectivo: a recuperación dese patrimonio Histórico e Cultural por medio da organización dunha dinámica de celebracións e integrar ese evento dentro do Circuíto Turístico Europeo que recrea as grandes batallas. Desfile de participantes e recepción no concello; ofrendas florais no baluarte de San Juan e na enseada de Doniños dende un patrulleiro, en memoria dos mariños ingleses mortos durante a retirada; marcha aos montes de Brión e por último, a recreación do asalto ao castelo con participación de entidades doutras cidades e a asistencia dun público de 4000 persoas que contemplaron este enfrontamento entre ingleses e ferroláns en directo, dende as ameas do propio castelo.

A día de hoxe, o que foi un enfrontamento e unha batalla de dous días escasos, podemos valorar o significado deste suceso como un punto álxido na historia de Ferrol polo que puido ser e cambiar totalmente a vida e o seu futuro, entre a posibilidade de pasar a ser un Xibraltar máis e as súas consecuencias impredicibles ou seguir co seu destino para o que foi creada: unha cidade de servizo naval e defensa do estado español.

Como sería hoxe? Se facemos un simil de actualidade ou como nas series de televisión, unhas tomas falsas poderiamos ver aos ferrolspikinglhis, como aos llanitos, con actividades varias que eliminarían o noso paro endémico como contrabando, venda de tabaco e outras substancias que nos permitirían abrir contas bancarias en Coruña, sen pagar impostos; enchendo a entrada da ría con «pinchopelouros» que evitaría a entrada de gaseros, gasolineiras marítimas ou tan importante para a creación de traballo e riqueza, como evitar a saída da ría de polbos, chocos, zamburiñas… outrora tan abundantes.

Sigamos pensando en alto. Que pasa en Ferrol?.

2 comentarios

  1. Estimado Luis, te mande un comentario alegrándome de tu colaboración pero desapareció como los últimos que he mandado a este periódico digital. Te lo digo para que veas que no hay «nihil novum sub sole».

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies