Home / Cultura / A ‘biblia’ dos Maios: Ánxela Loureiro presenta a súa investigación dunha «festa ancestral»

A ‘biblia’ dos Maios: Ánxela Loureiro presenta a súa investigación dunha «festa ancestral»

Rapazada nos Maios de Canido en 1995 (Imaxe: Pedro Fernández cedida para Ferrol Análisis)

MARTA CORRAL | Ferrol | Mércores 4 maio 2022 | 12:45

Nin sequera en 2020, no peor tempo do peche pola pandemia, o cruceiro de Canido deixou de adornarse polos Maios seguindo unha tradición secular da que sabemos grazas ao exhaustivo traballo da profesora, escritora e investigadora Ánxela Loureiro, que este mesmo mércores, dentro da extensa programación das festas do barrio alto, preséntase contra ás 19:00 horas na SRD Canido.

Maios en Canido e Canido en maio é o título do caderno número 33 de Ferrol Análisis que edita o Club de Prensa de Ferrol e, ademais de Loureiro, estará na sociedade a presidenta da entidade, Xulia Díaz, e a directora da colección, Esperanza Piñeiro. A autora conta no limiar do seu traballo que namorou dos Maios, sen ser do barrio, un 3 de maio de finais da década dos oitenta percorrendo a rúa Alonso López.

Pechados na casa en 2020, a Loureiro ocorréuselle facer un vídeo recompilando fotografías de maios, que daquela non quedara outra que facelos nas xanelas. Ese foi o xermolo da achega imprescindíbel que hoxe temos nas mans, un traballo inxente no que a autora topouse cun baleiro de arquivos tan fundamentais como son os eclesiásticos, tendo en conta que a festa mantívose activa ao abeiro da festividade cristiá da Santa Cruz.

Loureiro tivo que beber entón doutras fontes: xornais e revistas, fotografías familiares e fontes orais das maiores do barrio. «Foi un grupo de mulleres as que adornaban o Cruceiro e estimulaban ás súas familias para que o fixeran con elas, conseguindo un ambiente moi especial arredor tamén da Tafona e na rúa Alonso López. A decoración dese eixo central foi e é das cousas máis importantes», resume a autora ao outro lado do teléfono.

Primeira foto do cruceiro adornado, datada en 1906.

Loureiro manexa varias hipóteses no seu traballo, o único adicado por completo aos maios do barrio, e centra o relato a través dunhas 250 páxinas cheas de datos, recortes de prensa, fotografías e as ilustracións de Mercedes Fernández para achegarnos a aqueles tempos nos que a Aldea de Canido seguiu cumprindo unha tradición da que mesmo podería haber rexistro xa no século XIV.

A hipótese principal da autora é que o cruceiro en si era unha Árbore de Maio, unha tradición que aínda segue viva nalgúns países nórdicos pero que en Galicia foise perdendo. Consistía en coller o tronco dunha árbore e chantalo no medio da praza principal dunha vila labrega para levar a cabo os rituais do Ciclo de Maio e facer todo tipo de actividades ao seu redor. De feito, Loureiro cita a Montero Aróstegui, que asegura que houbo un primixenio cruceiro de madeira no 1679.

Despois virán xa os de pedra, dos que temos a foto máis antiga datada en 1906 que podería ser dun ano antes, precisa Loureiro. «Aquela festa ancestral se cristianiza facéndoa coincidir coa festa da Santa Cruz o 3 de maio, pero chama a atención como o adorno floral do cruceiro tapa incluso a escultura do Cristo e da Virxe». De feito, afonda, a rogativa correspondíalle primeiramente a antiga parroquia de San Xiao e despois ao Socorro, «pero sempre foi a xente de Canido a que encheu de flores o cruceiro, o único cruceiro de Galicia no que se fai».

Atopou tamén referencias á «bendición dos froitos», deixando patente o espírito pagán daqueles maios que, iso si, quedaron cristianizados por completo coa chegada do franquismo e a inauguración dun novo cruceiro en 1939, cando comeza a deixarse a cruz baleira de flores, tal e como a vemos hoxe en día: «Os únicos maios que quedaron aqueles anos foron os de altar e o labor das mulleres foi fundamental para preservalos».

Decoración do cruceiro (Imaxe: Familia Iglesias López cedida a Ferrol Análisis)

Ademais dun fermosísimo percorrido visual polos tipos de maios e as tradicións en torno á festa, grazas as achegas colectivas, Ánxela Loureiro destaca nomes propios como o de Reme López, que colleu o relevo de Manuel Correa, Lolo, adornando o cruceiro e animou desde 1968 a festa sendo a líder doutras mulleres e recuperando os maios pirámide. Tamén Charo e Antón Cortizas, que comezaron a facer creacións moito máis grandes e rechamantes: «Mantiveron todo isto sen foco mediático», sostén a autora.

As crianzas ocupan un capítulo moi especial no caderno, deixando patente que eran as grandes protagonistas da festa. «Se chegaban a vestir elas mesmas de maios e facían un teatro e cantaban cantigas, tamén levaban os maios en procesión polo barrio, e arcadas con flores… A xente dáballes un aguinaldo que era moi importante, algunhas veces cartos e outras maiolas, as castañas pilongas. Consérvase no barrio unha rúa Maiola e pode ser que alí houbera un secadoiro».

Con todo, estas son soamente unhas poucas pingas do marabilloso traballo de Loureiro, unha documentación que, segundo as declaracións do presidente da Asociación Veciñal de Canido, Roberto Taboada, a Diario de Ferrol, queren que sexa un importante punto de partida para pedir a Declaración de Interese Turístico para a festa, algo que á autora parécelle «moi interesante e síntome fachendosa por poder contribuír a conservar esta tradición».

Loureiro, segunda pola dereita, xa presentara o seu traballo no centro cívico (Imaxe: Club de Prensa)

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies