FERROL360 | Mércores 7 outubro 2015 | 16:28
San Sadurniño e Narón foron as paradas que realizou a Caravana Feminista da Marcha Mundial das Mulleres este martes. Una iniciativa enmarcada na cuarta acción internacional da Marcha Mundial das Mulleres, que leva percorrendo Europa desde hai varios meses. Ao seu paso polas cidades e vilas a Caravana mantén encontros reivindicativos e recolle experiencias das mulleres.
A Casa da Cultura de San Sadurniño foi a primeira parada e alí compartiron cos presentes todo o aprendido durante esta viaxe e incorporaron á súa bagaxe aqueles proxectos e experiencias de empoderamento feminino que se desenvolven en San Sadurniño. Durante as intervencións púxose o foco no necesario cambio social, así como no cambio no sistema económico e produtivo.
As participantes na Caravana falaron de experiencias abandeiradas por mulleres, como a dun grupo que logrou frear en Turquía a construción dun encoro que asolagaría as súas terras de cultivo, ou o da cooperativa kosovar Krushe e Madhe, formada por viúvas da guerra que saíron adiante producindo e comercializando conservas.
Pola súa banda, a axente de Igualdade do Concello repasou os proxectos desenvolvidos desde 2009 cunha participación maiormente feminina e as participantes neses proxectos comentaron os seus puntos de vista sobre o machismo, o papel da muller na sociedade e o moito que queda por facer para alcanzar unha igualdade real.
Despois da charla, as participantes asistiron a un xantar de convivencia no local social de Ferreira e, xa pola tarde, visitaron a exposición de traxe galego situada na galería da Casa do Concello, a horta de froiteiras do país e o paseo fluvial.
Parada en Narón
En Narón, a Caravana participou nunha Palestra celebrada no Pazo da Cultura e na que falaron sobre «Ecofeminismo e a realidade medioambiental da comarca». As integrantes da iniciativa pasaron a noite en Aldea Nova, onde o Concello cedeu o aloxamento.
A responsable da area da muller no Consello Político Local de EU Narón, Belén Aneiros, sumouse á Caravana e participarán nos actos programados ata a súa chegada a Lisboa o vindeiro 17 de outubro.