Home / Sociedad / Educación / A CIG-Ensino quenta motores para as eleccións sindicais de decembro

A CIG-Ensino quenta motores para as eleccións sindicais de decembro

REBECA COLLADO | Ferrol | Luns 10 novembro 2014 | 20:48

O vindeiro 4 de decembro o profesorado do ensino público non universitario está chamado a votar para elixir aos seus delegados sindicais. A CIG-Ensino deu a coñecer este luns a súa candidatura para a comarca de Ferrolterra coa que confían revalidar os resultados das anteiores eleccións nas que acadaron o 42,86 % dos votos, máis do dobre ca seguinte organización sindical.

A secretaria comarcal de CIG-ENSINO de Ferrol, Antonia Martínez Díaz, explicou que o obxectivo é «mellorar incluso os bos resultados de hai catro anos» cos que acadaron seis delegados na comarca. Neste senso, indicou que intentaron que foran nas listas un representante da CIG por cada centro, xa que neste sector non se elixen os delegados por centros de traballo.

Tamén destacou que os delegados da central sindical caracterízanse «por ser xente bastante activa, que se mobiliza e traballa na defensa do ensino público». Así, salientou que realizan visitas periódicas aos centros durante todo o ano porque «hai que estar alí onde están os traballadores» para recoller as súas demandas.

En canto ao balance dos últimos catro anos, desde a CIG-Ensino apuntan que convocaron ata nove folgas, peches, manifestacións e diferentes actividades lúdico-reivindicativas. Tamén levaron a cabo campañas en contra das reduccións salariais, da ampliación do horario lectivo e a supresión de preescolar na casa, entre outras.

Precisamente esa é a liña a seguir, de xeito que continuarán pedindo a recuperación dos dereitos salariais dos docentes, a restitución dos horarios, a reducción dos ratios de alumnos por aula, a supresión das taxas de reposición, así coma estabilidade no posto de traballo para o persoal interino, entre outros.

Por outra banda, este martes ás 19:00 horas no local da CIG de Ferrol celebrarase unha asemblea coa afiliación na que estará presente o secretario xeral de CIG-Ensino Anxo Louzao.

Delegados de CIG-Ensino en rolda de prensa este luns (foto: R.C.)

Delegados de CIG-Ensino en rolda de prensa este luns (foto: R.C.)

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies