Home / Actualidad / A CIG saca peito contra a «ofensiva do capital» no 1º de Maio en Ferrol

A CIG saca peito contra a «ofensiva do capital» no 1º de Maio en Ferrol

Cabeceira da manifestación da CIG pola avenida de Esteiro (foto: Ferrol360)

MARTA CORRAL | Ferrol | Luns 1 maio 2023 | 16:05

De novo por separado, a CIG percorreu as rúas de Esteiro e A Madalena nun 1º de Maio no que as dúas manifestacións convocadas en Ferrol presentaron, por primeira vez, números moi parellos. O sindicato nacionalista partiu ás 12:00 horas do seu local no barrio do estaleiros, incorporando as faixas das distintas federacións e tamén a dos traballadores e traballadoras da loxística de Lidl, que levan dous meses e medio de folga indefinida.

O secretario comarcal da CIG, Manel Grandal, dicía antes de incoporarse á marcha que afrontaban esta data prestándolle batalla á mingua das pensións e reclamando salarios dignos «en contra do saqueo que está a soportar a clase traballadora»: «Ante isto, a historia demostra que só cabe a mobilización», valorou, falando dunha «ofensiva do capital con complicidades, coa especulación cos alimentos, empobrecemento, e aí nos toca xogar este papel».

Grandal destacou, «non para presumir, todo o contrario, con humildade, que somos o sindicato maioritario nesta comarca», concretando que superan as 8.000 persoas afiliadas e seguen medrando «non só en filiación, tamén en representación». Con estas cifras, miran a COOO e UGT para pedirlles «unha reflexión, porque as mesas de diálogo social están servindo para a cloaca e desmobilizar á clase traballadora».

Mensaxe a CCOO e UGT

«Quizais non fixarse en nós, porque nos teñen como os nacionalistas, os inimigos, os do contrapoder… Pero si poderían fixarse en Francia, en Reino Unido, en Portugal ou mesmo en Alemania, con mobilizacións e folgas indefinidas na defensa das pensións e salarios dignos nesta carestía de vida». Coas consignas pedindo a derrogación da reforma laboral, foi grande a representación política do BNG na marcha da CIG.

O deputado comarcal no Parlamento galego, Mon Fernández, centraba as reivindicacións neses salarios dignos e pensións, pero tamén no acceso á vivenda. «O Goberno central aprobou un sistema de fondos que vai en contra de que se nutra de recursos da Seguridade Social e vai drenar os recursos a conta das subas salariais dos convenios colectivos. É un ataque frontal e non se lle está prestando atención, aínda vén unha segunda volta como é a ampliación dos anos de cotización».

Criticou que a viven pública «parece que é un arma electoral» cando «non se fixo nunca unha promoción real de vivenda e menos para o aluguer», pedindo «medidas concretas e non propaganda electoral». Ademais, na «espiral inflacionaria que se está comendo a capacidade adquisitiva dos salarios en produtos básicos», reclamou unha suba salarial para non perder máis poder adquisitivo.

«Plantar cara ao Goberno central»

O candidato do Bloque á Alcaldía de Ferrol, Iván Rivas, reflexionou que «Ferrol ten un problema evidente de emprego, produto dunha política continuada e permanente no principal sector produtivo e vai sendo hora de que empecemos a tomar conciencia de cal é a situación real da cidade». Non renunciar á construción naval civil e o desenvolvemento dunha industria eólica mariña flotando «tendo en conta as capacidades de persoal, tecnolóxicas a través do CIS e a universidade, e tamén a infraestrutura, desde a propia cidade temos que plantar cara ás decisións do Goberno central que se están a tomar».

Rivas salientou que o desmantelamento industrial destes anos produce unha dinámica que non se circunscribe a un sector concreto, «senón que produce que a hostalería, o comercio e os pequenos autónomos teñan unha situación cada vez máis crítica». Pola súa banda, a candidata naronesa, Olaia Ledo, puxo tamén o foco nas loitas dos traballadores do municipio: «Empresas que se pechan, como Poligal, ou a xente do Lidl, que leva loitando case tres meses… Os axentes témonos que xuntar para conseguir cousas».

Sector primario e servizos no rural

Porén, Ledo engadou que hoxe tamén é un día «para celebrar que a clase maioritaria teña os seus dereitos». Uns dereitos que, en palabras da alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, non poden ser exclusivos dun sector: «Ten que apostarse por todos os sectores e garantir condicións laborais que sexan quen de manter, por exemplo no noso caso, as explotacións e, sobre todo, os dereitos dos empregados e de toda a xente que aposta por emprender cun esforzo humano moi grande e non ten máis que obrigas».

O rexedor de San Sadurniño, Secundino García, remarcou que «o nacionalismo galego sempre tivo claro que as clases populares son as que representamos e a quen nos diriximos, defendendo os seus dereitos este 1º de Maio e o resto do ano tamén. Dereitos que foron furtados, como as pensións, a sanidade ou a educación de calidade… Nós, no rural, temos eses mesmos problemas e tamén o problema de mobilidade», o que supón o illamento da poboación.

Por último, o candidato á Alcaldía de Cabanas e primeiro tenente de Alcalde, Iago Varela, salientou que esta é unha «data simbólica na comarca, na que se reivindican dereitos laborais, políticas de emprego que son moi necesarias na nosa comarca», lembrándose dun xeito especial ao cadro de persoal de Lidl. A mobilización da CIG percorreu a avenida de Esteiro, Españoleto, praza de España, rúa Real, Terra e finalizou coa lectura do manifesto e o himno na praza da Constitución, convocando unhas 500 persoas.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies