FERROL360 | Mércores 7 outubro 2015 | 16:30
A CNT de Ferrol critica o comportamento da empresa Moldugasa e denuncia que non está a cumprir coas obrigas que lle impuxo ó Xulgado. Así, o sindicato lamenta que a compañía non readmita a un traballador que foi despedido a pesares de que o xuíz declarou nulo ese despido e obrigou á empresa a aboar as cantidades que lle adebeda.
Segundo informa a central sindical nun comunicado, Moldugasa sostén que está en quebra e por ese motivo non cumpre as sentenzas. A CNT explica ademais que ante o embargo decretado polo Xulgado para facer frente ás débedas, «a empresa presenta un peculiar contrato de venda de parte da súa maquinaria a unha empresa estranxeira, que estaría asinado dende o ano 2011».
Ese contrato implicaría o dereito de Moldugasa a empregar a maquinaria vendida ata o ano 2026 e «percebería un pago único de 800.000 euros por unha ferramenta que xa a día de hoxe non vale iso e que lle permitiría manter durante 15 anos a súa actividade empresarial, abusos laborais incluídos», denuncian desde o sindicato.
O 23 de outubro terá lugar a poxa polos bens que figuran a nome da empresa e a CNT advirte que mantén a súa condición «de parte nesta loita legal contra Moldugasa» e «non pecha os outros frontes abertos polos dereitos laborais da clase traballadora contra as trapacerías e abusos da patroal».