FERROL360 | Venres 29 agosto 2014 | 18:41
A necesidade reordenar a parcela da Fábrica de Lápis, recuperar os soportais da fachada portuaria, priorizar o aparcadoiro de residentes antes de suprimir prazas de estacionamento e mellorar a protección dos elementos de edificios non catalogados son algunhas das alegacións presentadas pola Comisión Cidadá pola Recuperación de Ferrol Vello ao documento do Plan Especial de Protección e Rehabilitación do barrio.
Tampouco ven con bos ollos a proposta de unificación de parcelas porque «contravén claramente o fundamental dos valores históricos do barrio, que é o alto grao de conservación do seu parcelario orixinal», sinala a Comisión nun comunicado. Ademais, advirte que contradí a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia xa que só se pode contemplar a alteración do parcelario «en casos excepcionais e xustificados na conservación dos valores do Conxunto Histórico».
Asimesmo, botan en falta un maior compromiso económico por parte das administracións públicas e a concreción de mecanismos de xestión máis eficaces. Así, lembran que a Autoridade Portuaria, o Ministerio de Facenda ou o IGVS son propietarios de edificios como os da Xunta de Obras do Porto, o edificio de Aduanas e algúns edificios e solares en Argüelles.
«Falta sequera dun euro adicado á reurbanización das rúas que poidera provir do Plan Urban ou do Ministerio de Fomento ou a Xunta de Galicia», lamenta a Comisión. Neste senso tamén denuncian que non hai previsións concretas de fondos para a rehabilitación dos edificios como o Centro Cívico ou a Casa de Carvalho Calero.
Para a Comisión este plan «non debería servir só para a que o Concello recuperase as competencias sobre o barrio á hora de outorgar licenzas» e para que se poida facer obra nova, «é tamén unha oportunidade única para artellar a recuperación do barrio». Por iso piden investimentos das administracións e medios de xestión e financiamento eficaces que permitan acadar os obxectivos do plan «respectando os valores que motivaron a súa declaración como Conxunto Histórico».