FERROL360 | Mércores 12 marzo 2014 | 19:25
O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Roberto Rodríguez, recibiu en Santiago este mércores ao alcalde de San Sadurniño, Secundino García, e á concelleira de Benestar, María Muíño. O motivo da reunión foi o de valorar a posible integración da futura escola infantil do municipio na rede de titularidade pública ‘A Galiña Azul’.
Ámbalas dúas administracións levaron a cabo unha primeira toma de contacto na que se concluíu que o compromiso por parte do ente autonómico sería estudar a proposta de xestión cara ao curso 2015-2016. María Muíño engadiu que o obxectivo prioritario do Concello é «poder abrir a escola o antes posible, dentro do ano académico 2014-2015».
Sen embargo, dende a Consellería de Traballo e Benestar rexeitaron a posibilidade de asumir esa xestión no próximo ano académico. Sinalan que a planificación de aperturas para o curso 2014-2015 está xa pechada e orzamentada e que será «máis adiante» cando se estude a posibilidade de incluír dita escola na rede autonómica. Para os representantes do goberno local de San Sadurniño, este compromiso «non ofrece suficientes garantías». O rexedor indicou que «se non hai un cambio de postura a curto prazo, desde o Concello teremos que buscar unha solución alternativa», a cal pasaría por unha concesión administrativa.
O centro educativo está ubicado na planta baixa do edificio anexo ao Pazo da Marquesa. Terá capacidade para atender 40 nenos e nenas de 0 a 3 anos e nel só quedan por rematar as obras de acondicionamento interior. Muíño destaca que a escola poderá beneficiar non só ás familias de San Sadurniño senón tamén ás de lugares próximos como Doso, Pedroso, Moeche, As Somozas e Cerdido.