Home / Cultura / A cultura e o ocio encherán os parques de Narón os domingos do mes de xullo

A cultura e o ocio encherán os parques de Narón os domingos do mes de xullo

FERROL360 | Sábado 24 xuño 2017 | 13:39

O programa ‘Verde que te quero verde’ aposta por sacar o ocio e a cultura dos seus espazos habituais para levalos aos parque de Narón. De este xeito, os domingos de xullo celebraranse unha serie de espectáculos dirixidos ao público familiar en parques do municipio, sempre a partir das 12:30 horas.

O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e a edil de Festas, Mar Gómez, presentaron este venres a iniciativa acompañados por Xaime López, da empresa Urdime; Carlos Mosquera, do grupo TinoProyecttio e Óscar Fojo, do grupo Blah!.

Blanco salientou que o obxectivo do programa é «dar a coñecer diferentes zonas verdes e prazas do municipio que de seguro algúns veciños e veciñas que non son do barrio descoñecen, e a maiores gozar de espectáculos para todos os públicos que inclúen cada domingo unha actividade infantil e outra para adultos».

A primeira das convocatorias será o 2 de xullo, na Praza Irmáns Freire, en Xuvia, donde terán lugar os espectáculos de Xoán Curiel, un dos actuais valores da música galega infantil que fai concertos didácticos e espectáculos infantís.

O vindeiro espectáculo programado será o 9 de xullo no parque da rúa 25 de Xullo, no Alto, con Magín Blanco e TinoProyecttio como protagonistas. Magín Blanco entreterá ao público cun contacontos musicado co que estimulará a súa creatividade e curiosidade polas letras, a lingua e a música.

Pola súa banda, TinoProyecttio é unha proposta de Carlos Mosquera e José Ocampo, na que se misturan diversos estilos musicais e con versións en galego, castelán e inglés dos Beatles, Miguel Ríos, Bowie, Elvis, etc.

O día 16 de xullo a programación terá lugar na Rúa Campoamor, na Gándara, donde estarán Inacio Vilariño e Telón Abierto. O primeiro dos espectáculos, Bou Catrineta está dirixido ao público familiar, e é de narración oral, coa Tía Lola como fío condutor. Trátase dunha sesión moi participativa na que se misturan refráns, cancións, contos populares e saberes tradicionais.

Tamén nesta xornada Telón abierto terá un espazo especial na programación. O grupo, creado para incentivar o movemento artístico na Universidad Ciego de Ávila (Cuba), tamén afonda nas tradicións autóctonas de diferentes comunidades. As súas actuacións abarcan danzas tradicionais, campesiñas e populares, nas que predominan as raíces hispánicas, africanas e franco haitianas.

Por último, o domingo 23 de xullo na Rúa Francisco Pizarro, en Santa Icía, o público poderá gozar dos últimos dous espectáculos do programa. As aventuras de Mamá Cabra con Gloria Mosquera, encherán de música a xornada, contando unha serie de historias máxicas acompañada por un equipo que animará aos menores e ás súas familias.

E será tamén a música a protagonista do último espectáculo, a cargo de Blah!, misturando diferentes estilos para crear un propio cargado de personalidade. Blah! é a continuación natural de El Viejo Caracol, con coidadas letras nas súas cancións e con varios discos publicados desde o ano 2009.

Desde o Concello sinalan que esta programación deseñouse tamén pensando na consolidación das tradicionais sesións vermú características dos festexos tradicionais das cidades galegas. É por iso que os maiores poderán degustar durante este tempo unha pequena proba de vermú, por cortesía da empresa Petroni e tamén haberá augas para os menores.

«Trátase de tomar as rúas no verán e os espazos públicos máis alonxados dos espazos tradicionais para este tipo de espectáculos, promocionándoos entre a cidadanía», explicou o alcalde, que xunto coa edil de Festas animou á veciñanza a participar nestas sesións de ocio e cultura programadas na cidade.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies