Home / Cultura / A defensa da lingua centra os discursos dos galardoados no XX Premio Carvalho Calero

A defensa da lingua centra os discursos dos galardoados no XX Premio Carvalho Calero

MARTA CORRAL | Ferrol | Venres 24 outubro 2014 | 19:05

O Salón de Recepcións do concello de Ferrol acolleu este venres a entrega do XX Premio Carvalho Calero, unha cerimonia presidida polo concelleiro de Cultura, Manuel-Reyes García Hurtado e a presidenta da Asociación Cultural Medulio, Elia Rico. O Carvalho Calero é un galardón literario convocado cada dous anos pola asociación e o propio concello, que procura a defensa da lingua galega en tódalas súas variantes, máis aló da normativa.

A busca da orixe perdida das especies, da viguesa María Cristina Pavón Mauriz, resultou gañadora no apartado de creación literaria mentres que História literária e conflito cultural. Bases para uma história sistémica da literatura na Galiza, do ferrolán Isaac Lourido Hermida, premiouse na modalidade de investigación lingüística. Ámbolos dous autores recibiron un cheque por valor de 3.700 euros e un diploma conmemorativo.

María Cristina Pavón agradeceu o recoñecemento, pero dixo non atopar moitos motivos para a celebración á vista dos últimos datos de emprego do galego publicados polo Instituto Galego de Estatística, que reflicten a caída en 13 puntos da porcentaxe de galegofalantes, unha situación «preocupante» froito das políticas de «loita contra o galego» da Xunta de Galicia, un «goberno cínico», segundo a galardoada.

«Menos mal que nos queda o dixital» dixo Pavón, facéndolle un chisco aos seus paisanos de Siniestro Total e destacando que a rede está a protagonizar a «expansión do galego» a través das plataformas cidadás, os blogues, algúns medios de comunicación dixitais, as redes sociais ou o dominio .gal.

Pola súa banda, o ferrolán Isaac Lourido pediu «non deixar morrer estes premios» e enalteceu a figura de Carvalho Calero do que, dixo, «non tódalas cidades poden presumir de ter un persoeiro coma el». Aproveitou para lembrar a figura do tamén ferrolá Xosé Rubio Barcia, pedindo «o xusto recoñecemento» do profesor que viviu o seu exilio nos Estados Unidos e do cal cúmprense 100 anos do seu nacemento neste 2014.

Lourido aproveitou para destacar a labor de dúas entidades culturais da cidade, a Fundaçon Artábria e o Ateneo Ferrolá. Á primeira por «defender coa maior coherencia o legado de Carvalho Calero» e á segunda pola «historia atropelada» que está a vivir, coa que comparte reivindicacións.

O ferrolán Isaac Lourido recollendo o cheque de mans do concelleiro e a presidenta de Medulio (foto: Concello de Ferrol)

O ferrolán Isaac Lourido recollendo o cheque de mans do concelleiro e a presidenta de Medulio (foto: Concello de Ferrol)

A politización das entidades culturais

O concelleiro de Cultura dixo coincidir en case todo cos discursos dos premiados, recoñecendo que «cando os políticos poñen as súas mans sobre a cultura, neste caso sobre a lingua, poden chegar a resultados nefastos», pero lamentando a «politización da cultura» que levan a cabo algunhas entidades.

García Hurtado aproveitou o acto para reivindicar as Letras Galegas para Carvalho Calero, describindo a Real Academia Galega como «anacrónica, arcaica e moi machista» por non ter contado aínda coa figura do ferrolán e facer primar os intereses políticos por riba da defensa da lingua, da que era abandeirado o profesor.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies