FERROL360 | Venres 7 marzo 2014 | 19:03
Co gallo da conmemoración do Día de Muller, mañá 8 de marzo, a Deputación da Coruña convoca o V Concurso de Viñetas pola igualdade que este ano leva por título Da igual? Igual non dá. As bases xa están publicadas no Boletín Oficial da Provincia e o prazo de presentación ábrese este sábado.
Así, poderán participar rapaces de entre 12 e 18 anos de idade, tanto de forma individual como en grupo. Con esta iniciativa preténdese facer reflexionar e concienciar á mocidade na igualdade de xénero, xa que é este colectivo o motor do cambio no futuro
A viñeta ou tira de viñetas (ata un máximo de seis) terán que presentarse xunto co resto da documentación no Rexistro Xeral da Deputación antes do 8 de abril. A concesión do premio decidirase antes do 28 abril e entre o xurado haberá unha persoa de recoñecido prestixio no eido do deseño gráfico.
En canto os premios, seleccionarase a tres finalistas. Os tres serán obsequiados cunha tableta electrónica e unha colección de cómics. As bases completas do concurso xa se poden consultar no Boletín Oficial da Provincia ou na web da Deputación.