FERROL360 | Martes 29 decembro 2015 | 18:53
Este mércores celebrarase pleno da Deputación da Coruña no que se aprobará un convenio co Concello de Fene para o financiamento das obras de construción dun campo de fútbol de herba artificial no lugar de O Pote, en Maniños.
Este convenio suporá un investimento de 381.101,23 euros achegados integramente pola institución provincial. Un orzamento que inclúe o movemento e compactación de terras do actual terreo de xogo, a execución da sub-base e posterior extensión do manto de céspede sintético.
Tamén a construción do sistema de recollida de pluviais e do sistema de rego e o equipamento completo do recinto deportivo, incluíndo porterías de aluminio con rede, banderíns, banquillos de aceiro con asentos plásticos e barandillas ao longo de todo o perímetro do campo.
O céspede artificial instalado será de última xeración, con 60 mm. de altura monofilamento, lastrada con area de sílice e caucho SBR. A rede de rego do campo contará con seis aspersores emerxentes de rotación lenta, controlados dende un programador externo.
O campo estará habilitado para a práctica do fútbol 11 e fútbol 7, polo que ademáis das dúas porterías disporanse 4 porterías máis de aluminio para o fútbol 7, abatibles lateralmente
Renovación do alumeado público en Mañón
A derradeira sesión plenaria do ano aprobará tamén un investimento de 198.000 euros para a renovación do alumeado público en Estrada, A Igrexa, O Barqueiro, Fonte de Vila, Coca, Porto de Bares, Xuncal, Morao, Ponte Segade e outros lugares de concello de Mañón.
En total substitiranse 141 luminarias, que inclúen farois clásicos e puntos de luz viaria, e as lámparas e equipos electrónicos dun total de 189 puntos de luz da rede de alumeado público do Concello de Mañón.