FERROL360 | Domingo 6 novembro 2016 | 13:51
O punto negro da estrada provincial DP 6121, que conecta Mera con Cariño, concretamente no lugar de A Ortigueira, será eliminado grazas a unha intervención da Deputación da Coruña. As obras contemplarán a demolición dunha edificación que reduce a visibilidade e a ampliación da ponte sobre o río Lourido nun dos viais que rexistra maior tráfico pesado da rede provincial.
A Deputación xa licitou a redacción do proxecto de mellora da seguridade vial por 18.500 euros. Ademais, o organismo provincial ten a intención de adquirir a vivenda máis próxima á ponte na marxe dereita da estrada, no lado interior da curva, co obxecto de mellorar a visibilidade.
E é que nestes momentos a visibilidade é moi reducida nunha zona de curva pronunciada onde o vial presenta actualmente un importante estreitamento ao pasar sobre a ponte do río Lourido. Precisamente con esta actuación poderase ampliar a plataforma do vial ás mesmas dimensións que o resto da estrada.
O proxecto que agora encarga o departamento de Vías e Obras do organismo provincial deberá conter tanto a demolición da citada edificación como a ampliación da ponte sobre o río Lourido e a instalación dunha pasarela peonil para garantir tanto a seguridade da circulación na estrada como a dos peóns do núcleo.