FERROL360 | Xoves 30 outubro 2014 | 22:04
O pleno da Deputación Provincial de A Coruña aprobará este venres o convenio co Concello de Narón para asumir as obras da inclusión da rede de saneamento no proxecto de ampliación da estrada entre Xuvia e A Frouxeira. Así, dáse resposta a unha vella demanda veciñal que afecta a 80 vivendas.
Unha vez asinado o convenio, que supón un investimento de máis de 1,2 millóns de euros, as obras poderán comezar en canto a Deputación dispoña dos terreos necesarios. En canto á contratación, realizarase mediante procedemento aberto e de forma conxunta ós dos traballos a fin de que a súa execución se realice de xeito coordinado para optimizar custes e reducir tempos de execución.
A actuación prevista pasa pola ampliación do trazado da DP-5404 entre o quilómetro 3,500 e o 6,500 ata sumar dous carrís de 3,50 metros de ancho e dúas beiravías de dous metros de ancho. Así, a estrada provincial será máis segura, cunha circulación fluída e confortable para os usuarios.
O importe de ambas actuacións suma 1.249.968 euros, o resultado da suma dos 680.971 euros do proxecto de ampliación e mellora do trazado da estrada máis os 568.996 euros que custará a súa adaptación para a inclusión da rede de saneamento.