FERROL360 | Venres 23 outubro 2015 | 11:10
A xunta directiva da ANPA Recimil decidiu cesar en pleno ante as diferencias coa dirección do centro, motivadas polas mobilizacións realizadas desde o inicio do curso escolar. Despois dunha asemblea ordinaria celebrada este xoves á tarde, a directiva tomou esta decisión porque a relación «non é a desexable para poder traballar conxuntamente a prol dos intereses do colexio».
Nun comunicado de prensa, a ANPA Recimil explica os motivos polos que decidiu tomar este camiño e que responden á «falta de apoio» por parte da dirección do centro ás mobilizacións convocadas polas familias en protesta polos recortes de profesorado no colexio e ás «acusacións por parte da dirección de estar a prexudicar á imaxe do colexio».
Tamén pesou nesta decisión, din desde a entidade, o feito de «querer culpabilizar ós pais da decisión dalgunha familia de non matricular ós seus fillos no Recimil» e de suxerir que haberá futuros recortes de profesorado como consecuencia das protestas, así como «as presións recibidas para que cesaramos nas nosas reivindicacións».
Con todo, a directiva asegura que «non nos sentimos nin moito menos derrotados nesta loita» e advirten que continuarán traballando na defensa dos dereitos dos nosos fillos e dunha educación pública e de calidade, alí onde se considere que o noso traballo poida ser útil».