FERROL360 | Martes 4 febreiro 2020 | 18:35
A Federación de Anpas de centros públicos de Ferrolterra convoca unha xornada de prevención e actuación para evitar o acoso escolar dentro da escola e nas redes sociais e internet.
O evento terá lugar o vindeiro sábado 15 de febreiro en horario de mañá, de 10:00 a 14:00 horas, no Ateneo Ferrolán, sito na rúa Magdalena en Ferrol.
Esta xornada está enmarcada dentro da campaña de visibilización dos Protocolos Educativos que dende a Confederación Anpas Galegas están a levar a cabo a través de diferentes actividades.
Con esta iniciativa, a asociación pretende dar ferramentas formativas tanto a persoal docente como ás familias e ao persoal que traballa co alumnado, como psicólogos, terapeutas ou logopedas.
Nesta primeira das actividades os usuarios aprenderán como lidiar con esta lacra que é o acoso escolar.
Ademais, falarase das súas características e do agravamento deste tipo de violencia como consecuencia da entrada en escena de internet e as redes sociais.
Tamen haberá tempo para afondar nas súas causas, na detección e as consecuencias e na prevención a través das distintas ponencias.
A entrada é aberta a calquera persoa que queira achegarse coa intención de que todo o mundo poida aprender e resolver cantas dúbidas poidan xurdir.