Home / Eume / As Pontes / A Feira do Grelo das Pontes cumpre 40 anos

A Feira do Grelo das Pontes cumpre 40 anos

FERROL360 | Xoves 13 febreiro 2020 | 9:57

As Pontes celebrará por todo o alto unha nova edición da súa Feira do Grelo, que chega este ano ao 40 aniversario. A cita gastronómica terá lugar os días 22 e 23 de febreiro e non faltarán o tradicional concurso de cestas, a mostra de asteranía, unha degustación popular e unha actividade gastronómica con reputados cociñeiros e a música da man, entre outros, de Tanxugueiras.

O programa de actividades, deseñado polos departamentos de Cultura e de Turismo do concello pontés, ten como obxectivos exaltar un dos produtos máis emblemáticos da gastronomía local e render homenaxe á agricultura máis tradicional.

A actividade comezará o sábado, ás 11:00 horas, coa apertura da XIII Exposición CONtornos, unha mostra itinerante de madeira torneada. Estará na primeira planta do Mercado Municipal. Á mesma hora, na rúa Ramón Cabanillas, a Asociación Amigos da Madeira das Pontes levará a cabo unha exhibición de torneado en talla de madeira.

Xa na Praza de América se abrirá as portas da feira Son de Campo, promovida pola Federación de mulleres rurais FADEMUR, na que as persoas visitantes poderán adquirir, durante toda a fin de semana, produtos autóctonos de alimentación, agasallos, cosmética, pezas de xoiería.

Mostra de Razas Autóctonas

A VI Mostra da Federación de Razas Autóctonas de Galicia desenvolverase na rúa Alexandre Bóveda e non faltarán as cabras, ovellas, porco celta e can de palleiro. Tamén haberá unha exhibición de especies avícolas.

Durante toda a mañá o grupo de gaitas Canavella animará as rúas do centro urbano e ás 12:30 horas, na Casa Dopeso, presentarase o documental O latexo do tempo humano. Os artesáns Lolo de Severiano, Tito Ledo e Lola Turón contan nesta cinta a súa visión sobre tres pezas arqueolóxicas, o traballo artesán e a madeira.

A música voltará ás 17:00 horas cun concerto de música tradicional a cargo de Os Viqueiras, acompañados de catro cabezudos. De seguido, subirá ao escenario o grupo de folk galego Dequenvessendo, gañador do premio Runas 2019 do Festival de Ortigueira. Será na Praza de América

Programa do domingo

O domingo, o día grande da Feira do Grelo, as actividades comezará co tradicional concurso de cestas no patio do Colexio Santa María. Os produtores poderán presentar as suas cestas de grelos ata as 10:00 horas e o xurado fará entrega dos premios ás cestas gañadoras unha hora máis tarde.

Haberá tres premios para a mellor calidade do grelo dotados con 400, 250 e 200 euros e cinco accésits de 75 euros cada un. Tamén haberá un premio especial Alexandre Pérez Sindín, que recibirá unha dotación de 300 euros e inclúe unha peza de artesanía doada pola Asociación Amigos da Madeira.

As propostas gatronómicas continuarán da man dos cociñeiros Adrián Fuentes, Bruno Pena e Álvaro Victoriano Aguado, que elaborararán e darán a probar diferentes pratos elaborados con grelos. Será desde as 11:30 horas na carpa do Colexio Santa María.

Xa ás 13:00 horas haberá unha degustación popular, que incluirá un menú composto por sopa, cocido con grelos, costela, lacón, chourizo, garavanzos e patacas, ademais de requeixo da Faeira e mel de Goente de sobremesa. O prezo será de dez euros por persoa e o menú estará dispoñible para levar.

A música non deixará de sonar durante toda a xornada con pasarúas de No Combaro e Os Trevillas e concerto da Banda da Balbina, a partir das 13:00 horas, na Praza de América. Tanxugueiras porá o broche de ouro á 40 edición da Feira do Grelo cun concerto, a partir das 18:30 horas, no Auditorio Municipal Cine Alovi.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies