Home / Cultura / Cine / A III edición do Chanfaina Lab arranca este xoves en San Sadurniño

A III edición do Chanfaina Lab arranca este xoves en San Sadurniño

FERROL360 | Xoves 1 setembro 2016 | 10:25

O Chanfaina Lab é xa unha cita obrigada para os creadores audiovisuais da comarca. Na súa terceira edición, que comeza este xoves, participan un total de 25 creadores dos que case a metade son de San Sadurniño.

O obxectivo principal do evento continúa intacto: ofrecer unha visión distinta de San Sadurniño. Unha visión dobre, a que teñen os realizadores foráneos, pouco coñecedores do municipio, e a da xente local. Pero o Chanfaina Lab tamén pretende ser un punto de encontro entre distintas sensibilidades artísticas e e de intercambio de coñecemento.

A maxia desta iniciativa reside, tanto na produción en si, como neses momentos antes, durante e despois en que se comparten pareceres, puntos de vista e mesmo chaves técnicas para solventar con ben o reto de sacar adiante unha curta nunha fin de semana partindo practicamente de cero.

Este ano os realizadores de San Sadurniño gañan terreo, con experimentados como Patricia Lamas, Miguel Sanjurjo, Abel Vega e Fran Bermúdez, e primeirizos como Bieito Beceiro, Sebastián Rodríguez, Pablo Martínez, Roberto Bouza e Dani Ferreira, considerado local malia ser de Moeche.

Completan o cartaz os ferroláns Natalia Porca, Lara e Noa Castro, Marcos Lourido; as pontesas Ana Seijo e Sabela Pernas; e relevantes cineastas galegos como Lois Patiño, Lara Bacelo, Eloi Domínguez, Carla Andrade, Claudia Brenlla, Jorge Coira, Ángeles Huerta, Pablo Millán, Marta Piñeiro e Beatriz del Monte.

Programación

O Chanfaina Lab comeza este xoves, ás 20:00 horas, con dúas proxeccións de Víctor Hugo Seoane na Casa da Cultura. Son pezas que teñen en común o ser testemuños da realidade de dúas aldeas da montaña interior galega.

O venres pola mañá desenvolverase o obradoiro de Videodinamizarte con dez participantes e a encarga de elaborar unha curta que se proxectará na clausura do domingo á tardiña. Tamén o venres irán chegando os realizadores participantes.

O sábado e domingo son os días programados para as gravacións e alternarán o traballo con outras actividades paralelas. O punto de encontro é a Aula CeMIT ás 20:00 hora. O programa completo destes catro días de cine e creatividade pode consultarse nesta ligazón.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies