Home / Ferrol / Ares / A III Feira Ares arredor de si contará con actividades plásticas, xogos e baile

A III Feira Ares arredor de si contará con actividades plásticas, xogos e baile

Puerto de Redes (foto: Mero Barral / 13fotos para Ferrol360)

Puerto de Redes (foto: Mero Barral / 13fotos para Ferrol360)

FERROL360 | Luns 29 abril 2019 | 00:00

O alumnado do CPI As Mirandas de Ares participará de forma activa na III edición da Feira Ares arredor de si, que terá lugar este luns. O evento organizado polo centro contará con actividades plásticas, xogos e baile así como unha exposición de traballos realizados polos estudantes. O patrimonio cultural de Ares será o protagonista das diferentes actividades programadas nesta feira.

A iniciativa conta coa colaboración das seguintes entidades, Educación da Xunta de Galicia, a Concellería de Turismo e Educación de Ares, a ANPA do centro, así como os Equipos de Dinamización da Lingua Galega e Bibliotecas Escolares de Galicia.

«Todo o alumnado do centro, desde os cursos de Infantil ata Educación Secundaria involucrouse na preparación desta actividade», explicou Blanca Cortizas, directora do CPI As Mirandas. Un evento que contará cun total de 14 stands situados no pavillón do centro.

Nestes postos o alumnado amosará os variados traballos realizados nos últimos meses. A música, o baile, e os xogos relacionados co patrimonio cultural da vila tales como o xogo da oca coa ruta dos indianos ou un xogo de asociar fotos e nomes de lugares de Ares, acompañarán a feira.

O programa de actividades iniciarase ás 10:30 horas. Ás 11:15 horas terá lugar o acto de inauguración no pavillón ao que asistirán o inspector de Educación da zona de Ferrol, Rubén Ponte, o alcalde de Ares, Julio Iglesias e persoal das entidades organizadoras, entre outros.

Non faltará nesta terceira edición da Feira unha Xota de Ares bailada por todo o alumnado e persoal do centro escolar, ás 11:30 e ás 17:00 horas. Ademais, estudantes de terceiro de ESO realizarán unha exhibición de Acrosport.

A maiores, a programación contará coas exposicións de traballos como Maquetación de escenarios, os indianos, monumentos de Ares e a súa contorna e actividades plásticas como bonecos de Entroido típicos das parroquias de Cervás e Chanteiro e ploters en inglés e galego e documentais para poñer en valor elementos naturais e históricos de Ares.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*