Home / Opinión / 'Ferrol Rebelde' / A Irmandade da Fala como escola de activistas: Manuel Fernández Barreiro

A Irmandade da Fala como escola de activistas: Manuel Fernández Barreiro

A ferrolá rúa Dolores a principios do século XX

A ferrolá rúa Dolores a principios do século XX

MARCOS ABALDE | ‘Ferrol coas Irmandades da Fala’ | Venres 14 outubro | 14:39

A Irmandade da Fala converteuse nunha auténtica escola de activistas. Durante a Segunda República, boa parte dos seus membros vai ocupar un papel protagonista en diferentes partidos políticos. Podemos dicir que a Irmandade da Fala forxou o rexo carácter republicano e galeguista de Ferrol.

O 15 de abril de 1917 a Irmandade de Ferrol escolleu unha directiva formada por Xaime Quintanilla, García Niebla, Euxenio Charlón e Cabo Pastor. Despois da Asemblea de Monforte de 1922, a Irmandade tomou un novo pulo e transformouse na delegación da Irmandade Nacionalista Galega. Grazas á Fundación Losada Diéguez coñecemos os nomes e enderezos dos novos responsábeis: Xaime Quintanilla (Dolores 64, 1), Manuel Fernández Barreiro (Dolores 61, 2) e Manuel Morgado (San Francisco 20, 2).

No entanto, a ditadura de Primo de Rivera acabou coas Irmandades, perseguiu o galego e prohibiu calquera reivindicación da dignidade nacional de Galiza. Quintanilla vaise integrar no PSOE e durante a Segunda República será proclamado alcalde. García Pereira foi nomeado presidente do Partido Galeguista de Ferrol e Manuel Fernández Barreiro será delegado por Ferrol no Comité Rexional do Partido Republicano Galego.

De todos estes persoeiros, tal vez o máis esquecido sexa Manuel Fernández Barreiro. Quen era este home? Pois un dos escasos intelectuais daquel Ferrol culto e democrático que sobreviviu á barbarie fascista de 1936. Manuel Fernández Barreiro naceu en Lugo en 1885 e morreu en Ferrol en 1957. Traballaba como consignatario de buques. A súa familia era propietaria de diferentes negocios, entre eles a banca ferrolá Sucesores de A. Barreiro.

Ademais realizaba críticas de arte e converteuse no máis entrañábel amigo de Felipe Bello Piñeiro. Desde 1913, cando se coñeceron, até a morte do pintor do Seixo, a súa relación foi inquebrantábel. Mesmo chegaron a escribir a catro mans as vivencias dunha expedición ás montañas de Monfero. Texto aínda hoxe inédito. As súas grandes inquedanzas intelectuais levárono a ocupar o posto de secretario de “Airiños da miña terra” e de bibliotecario no Casino Ferrolán.

Durante a súa etapa na Irmandade da Fala traduciu para o galego unha lenda irlandesa Os catro cisnes brancos, que apareceu no segundo número da editora Céltiga. En 1923, a 5ª Asemblea Nacionalista escolleu a Antón Vilar Ponte como presidente e a Manuel Fernández Barreiro como secretario. Tamén escribiu un artigo titulado O ideal nacionalista publicado en Rexurdimento onde defende a necesidade de loitar pola «liberdade absoluta e total de Galiza».

En 1928 convídano a inaugurar o novo local do Centro Obreiro de Cultura da rúa Real 138 e realiza unha defensa esperanzada da lectura: «Porque na instrución ten que estar con certeza o que nos torne verdadeiramente libres; o que nos torne verdadeiramente sinxelos e xustos». Nos anos de chumbo da posguerra, Fernández Barreiro continuou a alimentar as «nobres rebeldías da intelixencia» e abriu as portas da súa riquísima biblioteca a aquela mocidade que non se conformaba coas mentiras oficiais nin coa lousa do silencio. En Amada liberdade, Pérez-Barreiro Nolla confesa o moito que o marcou na súa formación galeguista e lembra especialmente unha biografía que lle emprestara, a de Jean Jaurès, unha das maiores figuras do socialismo francés. Ademais subliña que Fernández Barreiro fora accionista de Galaxia e mecenas de pintores novos como Ricardo Segura, Tomás Barros ou González Collado.

Tamén cómpre salientar a modestia do seu carácter. Leyra Domínguez chega a afirmar que era a persoa máis nobre, bondadosa e culta que coñeceu. Mesmo axudou economicamente ás familias perseguidas polo franquismo. A súa filla, Mercedes (Fernández) Gasalla, explicaba que: «Os domingos iamos os dous visitar «as súas amigas», como el lles chamaba. Eran as viúvas ou irmás, como no caso de Manuel Morgado, dos seus amigos intelectuais republicanos desaparecidos. Recibíannos emocionadas, cónstame que as axudaba económicamente e non sabían como agasallarnos. Sacábanlle libros e papeis para que levase o que quixese. Eu creo que desta maneira chegaron moitas cousas interesantes ás súas mans».

NOTA DO AUTOR: Sirva este bosquexo biográfico como homenaxe a Manuel F. Barreiro e ao seu exemplar compromiso coa cultura e a liberdade.

*Os roteiros ‘Ferrol coas Irmandades da Fala’ guiados por Marcos Abalde son os sábados de outubro (1, 8, 15, 22 y 29) ás 17:00 horas e coa entrada de balde. Inscrición previa no teléfono 640 65 13 14 ou no enderezo electrónico gnl@ferrol.es.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies