Home / Ferrol / Ferrol / A LOMCE cabrea á comunidade educativa

A LOMCE cabrea á comunidade educativa

REBECA COLLADO | Ferrol | Mércores 23 outubro 2013 | 19:00

Poñer de acordo á ampla comunidade educativa é moi difícil. Estudantes, pais e profesores están condenados a entenderse pero o certo é que poucas veces comparten o mesmo sentir e reman na mesma dirección. Polo tanto, ninguén pode quitarlle ese mérito á LOMCE: cabrear a todos a partes iguais, tanto rapaces, mestres coma familias. Nos últimos meses moito se ten falado desta reforma educativa que “ten a todos contentos” e que xa entra na súa recta final para ser aprobada. O ministro Wert non pode defender máis a súa lei, a pesares de que toda a comunidade educativa do ensino público tenlle dado as costas. Ante esta situación, este xoves o sector está chamado a secundar unha folga xeral e celebra manifestacións en todo o país, que no caso de Ferrol sairá ás 11:30 horas dende as inmediacións do Hotel Almirante.

Que é a LOMCE?

A Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa vai supoñer, segundo indican na páxina web do Ministerio de Educación, un conxunto de medidas que mellora as condicións para que todos os alumnos poidan adquirir e expresar os seus talentos, e acadar o pleno desenrolo persoal e profesional, como soporte da igualdade de oportunidades. Unha abordaxe dos principais problemas detectados no sistema educativo. Unha modificación da actual Lei equilibrada, sostible no tempo e consensuada a través da participación de todos os sectores políticos, sociais e educativos, entre outros.

Ademais, segundo o Ministerio, os obxectivos da reforma pasan por diminuír as taxas de abandono educativo temperán e fracaso escolar, mellorar as condicións para que os mozos teñan unha mellor e máis adecuada formación que lles permita acceder a un emprego cando rematen os seus estudos, diminuír o número de alumnos que repiten curso, contribuír a que non existan diferenzas entre comunidades autónomas, mellorar o nivel de coñecemento en áreas prioritarias e sinalizar claramente os obxectivos de cada etapa, modernizar a Formación Profesional e incorporar e potenciar as Tecnoloxías da Información e a Comunicación.

Vista así, a Lei non pinta mal. Todos queremos que se reduza o fracaso escolar, que os mozos atopen un emprego ao remate da súa formación, deixar os últimos postos nas avaliacións internacionais, etc. PERO se consultamos ao profesorado e ás ANPAS a visión que eles ofrecen desta reforma é ben distinta.

Os PEROS da Lei Wert

«A LOMCE é unha lei centralista, se vai impedir a aprendizaxe e o uso tanto do noso idioma coma da nosa cultura. É unha lei elitista que vai facer unha diferenciación do alumnado en función da súa procedencia social, porque todos sabemos que hai dúas cousas fundamentais que afectan á aprendizaxe dos alumnos: a súa capacidade e as características e condicionantes socio familiares», así de contundente móstrase Antonia Martínez, de CIG-Ensino, cando lle preguntamos pola LOMCE.

Tamén explica Antonia Martínez que esta reforma dividirá os colexios en centros de excelencia e centros de non excelencia. Esa cualificación dependerá dos resultados que acaden os alumnos nas probas que realizarán en 6º de Primaria, 4º da ESO e Bacharelato. «Un centro dun barrio que escolariza a alumnado con dificultades, cunha porcentaxe importante de inmigrantes, está claro que os resultados non van ser os mesmos ca nun centro onde se escolarice alumnado de clase social alta».

Cartaz da Iniciativa Estudiantil Galega chamando á convocatoria de folga deste xoves

Cartaz da Iniciativa Estudiantil Galega chamando á convocatoria de folga deste xoves

Representantes dos sindicatos e da Federación de APAS en rolda de prensa este martes (foto: Rebeca Collado)

Representantes dos sindicatos e da Federación de ANPAS en rolda de prensa este martes (foto: Rebeca Collado)

Ademais, a responsable de políticas de ensino da CIG sinala que esta lei desconfía totalmente do profesorado, xa que as reválidas que van realizar os alumnos ao finalizar 4º da ESO e 2º de Bacharelato van ser efectuadas e corrixidas por «xente de fóra dos centros». «Por moito que o alumno teña os catro cursos da ESO aprobados, se suspende a reválida non ten o título». Ante esta situación, Martínez pregúntase «por que ten que vir alguén de fóra a facer unha proba para decidir se eses alumnos se lles pode dar a titulación ou non. Que pasa, que o profesorado damos aprobados porque si? Eu creo que a pública precisamente non se caracteriza por regalar os aprobados».

Neste senso, o presidente da Federación de ANPAS, Javier Sánchez, indica que «todas estas reválidas o que van facer é desviar o alumnado á Formación Profesional». Unha Formación Profesional devaluada, na súa opinión, porque «van formar traballadores cualificados en determinadas especialidades pero sen ningún tipo de formación común» xa que se eliminan as materias comúns e permite ao alumnado acadar ciclos superiores sen pasar por un exame de esas materias.

«É unha lei orientada a acadar os obxectivos do mercado laboral actual, un modelo que por un lado crea centros elitistas, de excelencia, onde van formar xente moi ben preparada para ser elite, e o resto desvialo cara á FP, para ser man de obra barata». Sánchez conclúe que «é un sistema educativo que nos vai levar ao desastre porque imos ter outra vez persoas sen unha formación cultural mínima necesaria».

Un dos puntos máis negativos da LOMCE para os pais é a «eliminación da participación das familias no sistema educativo. O Consello Escolar vai pasar a ser un mero órgano consultivo, o director vai ser posto a dedo e será quen tome todas as decisións», asegura o presidente da Federación de ANPAS. Preguntamos a Javier Sánchez se as familias están realmente preocupadas pola reforma educativa e indica que hai un sector importante das familias que si que está preocupado, pero advirte que tamén hai outro sector que está moi preocupado polos problemas diarios. «Porque non teñen para mercar os libros, porque non teñen para pagar o comedor. Esa preocupación evita pensar noutras cousas. Non es capaz de valorar a realidade porque tes outros problemas moito máis acuciantes».

O futuro da educación

Case todos os grupos políticos no Congreso dos Deputados mostráronse en contra da LOMCE e mesmo aseguraron que se o PP perde as vindeiras eleccións xerais derrogarían a reforma. «É unha lei que nace morta» comentaban na rolda de prensa da presentación da folga xeral o pasado martes. O presidente da Federación de ANPAS asegura que é optimista porque ve que «hai mobilización da xente» e cre que pode haber «un futuro viable se realmente somos quen de mobilizarnos e transmitir á clase política que a sociedade non esta disposta a aceptar isto».

Pola súa banda, a responsable de CIG-Ensino apunta que esta lei «non vai a ningún lado, non vai ter longo percorrido». Pero advirte que «temos que concienciarnos a sociedade en xeral, de nós depende, non podemos estar derrotados. Dentro de tres anos hai eleccións outra vez, e se hai unha mobilización social importante, e se queren gañar as eleccións, algunha concesión teñen que facer».

O presidente da Federación de ANPAS comenta que «hai que ser optimistas, e pensar que esta agresión tan bestial vai facer que o resto nos unamos, e conseguir ese consenso que doutro xeito non habería. Temos que aproveitar este impulso, poñernos de acordo, asentar unhas bases de consenso». Un consenso que podería encamiñarse a acordar unha lei de educación entre todos os sectores que compoñen a comunidade educativa. «Unha lei educativa que de verdade sexa o que necesita este país».

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*