Home / Eume / A Mancomunidade presentará este venres o balance das accións de promoción turística realizadas no 2015

A Mancomunidade presentará este venres o balance das accións de promoción turística realizadas no 2015

FERROL360 | Mércores 13 xaneiro 2016 | 19:05

Comeza un novo ano e é tempo de facer balance das actuacións levadas a cabo no anterior exercicio. Á Mancomunidade de Concellos da Ría de Ferrol tócalle facer os deberes e dar conta das actuacións realizadas na promoción do destino turístico Ferrolterra-Rías Altas durante 2015.

O acto estará presidido polo vicepresidente da Mancomunidade e alcalde de Narón e terá lugar este venres, ás 11:30 horas, na capela do Centro Cultural Torrente Ballester. A cita contará coa presencia de empresas do sector e representantes da Xunta, Deputación e Mancomunidade.

O destino turístico Ferrolterra-Rías Altas foi promocionado e consolidado como marca a través de sucesivas actuacións nas que colaboraron o Estado, a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e os concellos implicados.

Programa

As intervencións comezarán da man de Ángel Ramírez, encargado do Plan de Promoción Turística (ICE Galicia, S.L.). A continuación, María Traveso, de Promove S.L., falará da configuración e promoción da oferta de Turismo Slow.

Pola súa banda, Jacobo Suárez de Goodlife Consultores realizará a presentación da súa diagnose e proposta de desenvolvemento dun produto turístico sustentable de surf no destino Ferrolterra-Rías Altas.

Luis Alcalá, Xerente da Mancomunidade, pechará o acto para facer o resumo das actuacións de promoción do destino turístico Ferrolterra realizadas en 2015 coa colaboración da Deputación da Coruña e as sinerxías interinstitucionais.

Accións desenvolvidas en 2015

O convenio de colaboración asinado entre a Xunta e a Mancomunidade para a promoción turística de Ferrolterra-Rías Altas comprendeu as seguintes actuacións: Coordinación do Plan de Promoción Turística; Blogtrip de Turismo Industrial; revisión e reimpresión de material e formación en TICs nas empresas turísticas.

Tamén serviu para a elaboración e impresión de guía de turismo ornitolóxico; deseño e impresión de despregable informativo do Xeoparque do Cabo Ortegal; configuración e promoción da oferta de Turismo Slow e desenvolvemento dun produto turístico de Surf sustentable.

Por outra banda, a Deputación da Coruña, a través das súas convocatorias específicas, subvencionou integramente as seguintes actuacións cuxo importe ascende a 10.656 euros: aplicación turística para móbiles do destino Ferrolterra e guía turística As Paisaxes Fortificadas das Rías Altas.

O destino turístico Ferrolterra-Rías Altas abarca as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal e comprende os concellos de Ares, Cabanas, A Capela, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Moeche, Monfero, Mugardos, Naron, Neda, Ortigueira, Pontedeume, As Pontes, San Sadurniño, As Somozas, Valdoviño e Vilarmaior.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies