FERROL360 | Sábado 26 xullo 2014 | 16:36
A Mesa pola Normalización Lingüística rexeita «a exclusión da nosa lingua propia nas Festas de Ferrol». Desde a organización denuncian que se empregan centos de miles de euros nunha festa que invisibiliza a lingua e a cultura galegas.
E é que desde a Mesa consideran que as festas deberían servir para o desfrute de todos os ferroláns, «para convidar a nos acompañaren as persoas da Galiza e de fóra dela, para impulsar a cultura da nosa comarca e a nacional como fonte de recursos económicos». Nembargantes, apuntan «son utilizadas para afastar o galego nunha ideolóxica e antieconómica aposta do PP».
Así, afirman que é «de pasmo» que nun municipio con dificultades económicas se renuncie a apoiar á cultura galega. Neste senso, critican que o galego foi «literalmente varrido» das Festas, polo que reclaman a dimisión da concelleira de Normalización Lingüística, Martina Aneiros.
O responsable da Mesa na comarca de Ferrol, Carlos Outeiro, considera que «as veciñas e veciños de Ferrol teñen dereito a coñecer a posición da distintas organizacións que pedirán o voto nas vindeiras eleccións municipais pois pretenderán asumir a responsabilidade de marcar as directrices das festas do ano que vén», conclúe.