Home / Ferrol / Ares / A música e a tradición oral daranse cita no ‘Lume no Castelo’ en Redes

A música e a tradición oral daranse cita no ‘Lume no Castelo’ en Redes

FERROL360 | Mércores 29 agosto 2018 | 10:05

A Punta do Castelo de Redes volverá alumear cultura este domingo coa segunda edición de Lume no Castelo. O evento, que comezará ás 18:30 horas, combina música e tradición oral, nun espectáculo único co que a Agrupación Instrutiva de Caamouco quere poñer o broche de ouro a un intenso verán de actividades lúdicas e culturais.

A velada arrancará coas historias de Apatacón. O proxecto está formado por Faia Díaz e Vero Rilo. Nel, a voz cantada e narrada mestúranse nunha unión melódica a través da que se narran contos e historias. Ademais, segundo prometen, Redes e o seu pasado terán un papel destacado nalgunha parte do espectáculo.

Co solpor de fondo sobre a ría de Ares e o lume dos fachos alumeando a escena, o Castelo será para Voodoo. O dúo musical, conformado por Belém Tajes e Maritxinha, ten a capacidade de traer ao presente aquela música capaz de revivir as cancións doutro tempo.

Nesta segunda edición de Lume no Castelo o protagonismo será para as mulleres. Dende a Agrupación explican que se pretende deste xeito «reivindicar o talento e creatividade das artistas galegas».

A cita serve tamén para poñer en valor a paisaxe da contorna de Redes, con espazos únicos como a zona na que se erguen os restos da batería defensiva da localidade, coñecida popularmente como a Punta do Castelo.

Lume no Castelo naceu hai dous anos, a iniciativa da Agrupación Instrutiva de Caamouco, e tralo éxito acadado, no que o número de espectadores superou todas as expectativas, a entidade decidiu organizar agora unha segunda edición, contando con repetir a boa acollida do 2016.

Ademais, este ano a organización apostou por instalar un posto con comida e bebida para facer máis cómoda a estadía da xente que se anime a asistir ao evento. Unha cita que conta coa colaboración do Concello de Ares, de Protección Civil e do Club Marítimo de Redes.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies