FERROL360 | Domingo 6 setembro 2015 | 17:03
Os grupos da oposición do Concello de As Pontes solicitan ao goberno local que aclare determinados aspectos sobre o preacordo de convenio asinado con Endesa e que celebre unha xornada pública informativa para dar a coñecer aos veciños o contido do acordo.
Nun comunicado conxunto do BNG, PP e Xunt@s As Pontes, remitido por este último grupo, critícase que o pasado 19 de maio, en plena campaña electoral, o alcalde asinou ese preacordo coa empresa sen permitir ao resto de grupos coñecer ou aportar nada ao documento.
Segundo indican no comunicado, os grupos da oposición coñeceron o contido do convenio a principios de agosto e solicitaron ao goberno que desenvolvese dúas cuestións antes de debatilo en pleno. Así, piden que se dea a coñecer o documento á cidadanía e que se amplíen e aclaren determinados aspectos dos informes técnicos que constaban no expediente.
Os grupos da oposición informan que farán chegar aos veciños toda a información para que podan exercer o seu dereito a participar na vida municipal.