Home / Ortegal / Cariño / A patroa dos mariñeiros volveu brillar en Cariño

A patroa dos mariñeiros volveu brillar en Cariño

ARY LÓPEZ | Cariño | Martes 16 xullo 2013 | 20:36

Son moitos os lugares da xeografía galega onde se conmemora a festividade da Virxe do Carme. Desde Cervo a Burela, pasando por Marín e Cambados, hai cando menos un día grande adicado á patroa dos mariñeiros. En Cariño, os días 15 e 16 de xullo son de importancia sagrada. Os homes débense a ela como guía e nai protectora, mentres que as mulleres pídenlle que os devolva do mar sans e salvos.

Para visitar esta pequena vila ortegana case que só hai por terra un camiño valedeiro. Porén, a rota marítima ofrece infinitas maneiras de achegarse a ela. Ben coñecedores disto son os seus habitantes, que respiran o Nordés para encherse da forza e da valentía necesarias para andar ao mar. Ese do cal naceron e do que nunca quererán escapar. Con tal ímpeto e ledicia viven en Cariño esta festa patronal que acolle anualmente a milleiros de persoas para gozar dunha procesión marítima peculiar.

O ritual é o seguinte: na tarde do día 15, sae a santa da igrexa parroquial a ombreiros dos veciños, que a levan gustosos nunha procesión musical cara ao porto. Coa súa chegada a unha nave do peirao, a lonxa anuncia unha benvida antes de oficiarse a misa, onde deceas de fieis velarán por ela toda a noite. Á mañá seguinte, e logo da tradicional liturxia, a imaxe -que pesa seiscentos quilogramos- é cargada nun pesqueiro elixido previamente nun sorteo que lle dá o dereito a levala. O afortunado este ano foi o Apóstol San Andrés, unha das embarcacións máis grandes que fixeron este martes a rota polo mar. Aínda que se botaron en falta moitos barcos, debido á campaña do bonito, deceas de pequenas traíñas seguiron a procesión marítima.

As embarcacións ateigadas de xente e onde se degustan as mellores brebaxes e produtos frescos do mar comezan un percorrido de preto de dúas horas. A viaxe chega á altura do Cabo Ortegal para contemplar os cantís máis altos de Europa, a beleza dos tres Aguillóns e a irmandade entre o mar Cantábrico e o océano Atlántico. Alí realízase unha emotiva ofrenda en memoria dos mariñeiros que perderon a vida nos anos sesenta, cando unha galerna -vento moi forte do Noroeste- sorprendéulles, impedindo desmontar o cabo. De aí naceu a tradición de pousar no mar as flores como mostra de respecto a todos os que levou para sempre o xigante océano.

Unha vez rematada a travesía, a Danza de Arcos de Cariño -que tamén acompaña á imaxe na procesión marítima- inicia o seu peculiar baile cheo de colorido e vida, unha arte transmitida de pais a fillos durante moitos anos. Faise unha parada entre o público, que se amorea para gozar do espectáculo de danza e a música da man dos gaiteiros.

«O día do Carme tería que ser todos os días. Ela está aí, mirando por nós todo o ano. E témoslle que ser sempre fieis», afirmaba algún vello mariñeiro emocionado ao ver en procesión novamente á súa patroa da alma.

O final chega coa volta da Virxe á igrexa, onde agardará un ano menos un día para volver a ver, nos ollos da xente, a ilusión e a fe, desexándolle a todos unha boa marea para podelos xuntar o ano que vén.

O Apóstol San Andrés levou este ano en procesión marítima a imaxe do Carme              (foto: Ary López)

O Apóstol San Andrés levou este ano en procesión marítima a imaxe do Carme
(foto: Ary López)

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies