XESÚS ANDRÉS LÓPEZ PIÑEIRO | Sábado 28 novembro 2015 | 11:02
A arte non cambia o mundo, pero axuda a entendelo. E comprender o mundo no que vivimos, fainos mais libres. A mostra fotográfica que colga Gabriel Tizón (Ferrol-1973) nas salas do Torrente Ballester e que leva o título de Muros, entra dentro dese concepto. Arte que nos axuda a entender o mundo no que vivimos.
O drama de millóns de xentes que escapan da guerra na que se dirimen intereses que non son os seus, e que afrontan unha longa viaxe na que os máis débiles atopan a morte. Xentes que teñen que decidir entre morrer nunha terra, no que o interés non son as persoas, senón a xeoestratexia, ou intentar refacer a súa vida en lugares nos que son un problema para os poderes establecidos. Nenos, mulleres e anciáns, van marcando por terra e mar un regueiro de esqueletes, dende terras ricas en petróleo, até o centro mundial onde o consumo funciona en base aos seus derivados.
Tizón, foi na busca dese drama, facendo a ruta dos refuxiados. A exposición que nos presenta, revélase como unha mostra na que o que se pretende é chegar á sensibilidade do espectador. Nela se nos amosa o día a día destes transterrados dende que chegan a Lesbos até que son recibidos polos cidadáns de a pé no centro-europa. Polo medio, camiñatas, as noites ao ceo raso, nos trens como gando, as concertinas, a vixilancia policial, os choros dos nenos, etc etc.
O drama refléxase na utilización do negro na maioría das tomas, inda que a color a utiliza para destacar momentos nos que a dolor faise presente nas miradas. Non hai máis que ver a cara dunha anciá, que resume a mostra. Rostro en primeiro plano en color, cara dorida e soio unha lágrima que está a esbarar dos seus ollos. Ou outra foto onde un grupo de homes camiña por diante dunha alambrada, as súas faces están tensas polo cansancio, a cor, xunto coas sombras lembran as duras pinturas caravaggiescas.
E xa que mencionamos a pintura, resaltar unha foto singular, a dunha nai, reflexando toda a serenidade que pode coa súa criatura nos brazos que desencaixa a mandíbula coa sua dolor. Lembra esceas picassianas, o mesmo que outra na que unha nena que vai levada no colo do seu pai, transmite todo o seu dramatismo a traverso da súa man extendida e mirando ao espectador pedindo que se acabe tanta dor.
Como vemos o artista non busca achegar esceas onde a dor sexa o suxeito da escea, Gabriel preséntanos esceas onde a dor está contida, onde o sufrimento se intuie. Aquí reside o valor real da exposición. Reparemos que estamos diante dunha mostra cultural, pero que ao mesmo tempo está a darnos novas dunha realidade. O fotógrafo busca a sensibilidade do espectador non mediante un panfleto, senón por medio da estética.
O representar a un musulmán que descansa a súa man sobre unha cruz dun cimiterio cristiano non fai preguntarnos moitas cousas?. As distintas instantáneas dos refuxiados facendo camiño, como a das tres persoas, soas, nunha longa carretera, ou a do impedido que a persar de todo, vai camiñando coas suas muletas… son iconas dunha realidade que non podemos esquecer.
Estamos diante pois, dunha exposición fotográfica única, onde a reportaxe fotográfica sube varios niveis, xa que o fotógrafo deixa que sexa a propia sensibilidade do espectador a que complete a información que nos transmite. Non renega da realidade, pero Gabriel Tizón, fáinola chegar adecuándoa ao medio que utiliza, que é a arte fotográfica. Danos a coñocer a realidade para facernos ceibes.
El Ex UPG, ex Irmandiño y ahora en CERNA, carente de toda credibilidad