Home / Opinión / 'Ferrol Rebelde' / «A vida podedes quitarme, mais non a dignidade»

«A vida podedes quitarme, mais non a dignidade»

MARCOS ABALDE | ‘Ferrol Rebelde’ | Sábado 16 abril 2016 | 11:18

Desde o día en que me colleron (sen sentido porque con vida xamais me deixaría atrapar), non lles importou que estivese case moribundo. Primeiro foron os “interrogatorios” de 12 e 14 horas até que esgotado perdía o coñecemento. E cando viron que con palabras e promesas nada tiraban de min, comezaron as torturas. Os meus pés e mans nin eu mesmo os coñezo. Estiven 15 días que non podía mexar máis que sangue. Con todo, resistín e resisto sen flaquear. Cando, a cambio de me converter en chivato, me prometían respectar a vida, curarme, darme abundante diñeiro para me ir ao estranxeiro, o mesmo que cando sangrando e case sen vida me gritaban: cantas ou matámoste. A miña resposta sempre foi e será a mesma: a vida podedes quitarme, mais non a dignidade.

Con estas palabras despedíase Segundo Vilaboy tres días antes de ser executado a garrote vil. Tiña 29 anos. Esta carta foi publicada no Mundo obrero editado polo Comité de Galiza do Partido Comunista de España o 15 de xaneiro de 1948.

ferro1.jpeg

Segundo Vilaboy naceu en 1918. Moraba en Esteiro na rúa Ánimas, 71. Con doce anos comezou a traballar na Construtora Naval. Xunto con outros demócratas que sobreviviran á barbarie fascista funda a Alianza Nacional de Forzas Democráticas na rúa Carlos III, 59. Esta organización clandestina unifica a oposición antifranquista e rearticula o movemento obreiro.

En xuño de 1946, a dirección do estaleiro ía reducir o racionamento de aceite de un cuarto a un oitavo de litro ao mes. Os obreiros quebran a atmosfera de terror e levan adiante a folga do aceite, a primeira protesta proletaria de Galiza despois do golpe militar. Conseguen as súas reivindicacións. Porén, xulgan trece traballadores en consello de guerra.

Segundo Vilaboy foi un dos principais organizadores desta folga. O seu taller de chapa fina foi o primeiro en secundala. El era o secretario político do Partido Comunista. Para fuxir da represión, incorporouse ao Exército Guerrilleiro de Galiza. En maio de 1947 foi capturado e torturado salvaxemente. Non delatou aos seus compañeiros. Ás seis da tarde do 19 de decembro do 1947, o réxime franquista executa a Segundo Vilaboy na prisión do partido, rúa da muralla de Ferrol, hoxe avenida de Vigo. A memoria deste traballador indomábel tivo que agardar ao 2010 para ser reivindicada nunha merecidísima homenaxe popular.

Segundo Vilaboy era un heroe da resistencia antifascista. Como tamén o fora Amador Martínez. Este é o seu carné de combatente voluntario da resistencia. Amador Martínez expulsou aos nazis e trouxo de novo o sol da liberdade. A República francesa recoñeceu o compromiso inquebrantábel coa democracia deste exiliado da Pobra do Brollón incorporado á guerrilla.

ferrol2

Amador Martínez «Ramón» chegou a Ferrol de maneira clandestina enviado polo Partido Comunista. En marzo de 1960 vai relanzar o movemento operario nunha reunión no Monte Curuto, na Cabana. Nela participan Xulio Aneiros, Paco Filgueiras, Paco Balón e Juan Anido. Asumen mudar de táctica e comezar a traballar no Sindicato Vertical. Neste momento non chegan a corenta os traballadores conscientes e organizados. En poucos anos pasarán a ser milleiros.

*Os roteiros de ‘Ferrol Rebelde’ guiados por Marcos Abalde son os sábados e domingos, ás 11:00 e 17:00 horas. Inscrición previa no teléfono 640 65 13 14.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies