FERROL360 | Sábado 28 maio 2016 | 16:26
A Xunta de Galicia vén de publicar a resolución das axudas para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais que en Ferrolterra, Eume e Ortegal suporá un investimento de preto de 180.000 euros.
A axuda concedida ao Concello de Ares, de 26.384 euros, destinarase á mellora da eficiencia enerxética no alumado público na zona do porto, no casco urbano; mentres que a que recibirá o Concello de Cabanas, de 15.999 euros, servirá para a reforma do parque infantil do concello.
En Cerdido, pola súa banda, a achega aprobada pola Xunta, que suma 16.400 euros, irá destinada ao pintado da fachada do concello para eliminar humidades e de subministración de mobiliario para a casa do concello; e no caso de Moeche, que recibirá 27.231 euros, melloraranse as redes de alumado público.
Segundo a orde publicada no DOG o pasado luns 23 de maio, o concello de Monfero recibirá 14.400 euros, que destinará á adquisición de equipamento para as oficinas municipais. En Mugardos, cunha axuda concedida de 32.987 euros, acometeranse as obras de pavimentación da rúa Coruto e o ramal de Celso Emilio Ferreiro a A Penela, na zona de Boado.
San Sadurniño, concello tamén beneficiado nesta convocatoria, presentou o proxecto para o aglomerado da pista da EDAR entre O Casal e A Portela, e recibirá para elo unha axuda de 12.563 euros; mentres que As Somozas utilizará a súa achega, de 33.057 euros, para diversas reparacións no edificio Concello de As Somozas.