Home / Ferrol / Ferrol / A Xunta destina 26 millóns de euros para previr e atender situacións de desprotección en menores

A Xunta destina 26 millóns de euros para previr e atender situacións de desprotección en menores

FERROL360 | Sábado 20 febreiro 2016 | 16:08

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou este sábado o Centro Ferrol I de atención a menores de idade. Un centro que alberga a 24 rapaces, dos que 18 son mozos e 6 son mozas.

A maioría deles atópanse en situación de risco social e unha porcentaxe considerable pertence a grupos sociais desfavorecidos, polo que experimentan unhas circunstancias persoais e ambientais que conducen á adquisición de condutas de inadaptación social.

As problemáticas que atenden teñen por tanto o seu contexto e orixe inmediato nun medio familiar e social marcado pola existencia de déficits económicos, sociais e culturais, dándose en moitos casos o desamparo destes menores.

Ferrol I centra o seu traballo na busca de técnicas e formas de organización que permitan o desenvolvemento integral dos residentes, preparándoos para construír unha sociedade capaz de garantir o seu auténtico desenvolvemento humano.

Para elo, leva a cabo accións diversas entre as que destacan os programas de mediación e orientación familiar, de educación para a saúde, así como os obradoiros de habilidades sociais e de educación en valores.

Na actualidade, a administración autonómica ten a preto de 2.000 menores baixo a súa protección en diferentes modalidades: tutelados, en garda, en acollemento residencial ou en acollemento familiar.

Rey Varela explicou que «a meta é o desenvolvemento e o fortalecemento persoal de menores que teñen pasado por situacións complicadas». Durante a visita, o conselleiro de Política Social agradeceu o «compromiso, implicación e dedicación» que presentan os profesionais que traballan no centro.

Máis recursos

«É unha prioridade realizar unha atención integral a toda a infancia, e de xeito particular, aos menores que sofren unha situación de desprotección ou conflito social», asegurou Rey Varela. Así, a partida orzamentaria destinada en 2016 a atención ao menor ascende a 26 millóns de euros, o que supón 1,5 millóns de euros máis que o exercicio pasado.

Este aumento repercutirá de xeito positivo nas persoas máis desprotexidas a través de dedicar máis recursos económicas a medidas como o Programa de intervención familiar, o Programa Mentor ou os puntos de encontro familiar; así como a liña telefónica gratuíta de axuda á infancia 116 111 ou o Rexistro Unificado de Maltrato Infantil.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies